Skip to main content

Cine e fotografía para conmemorar na USC o acceso libre da muller aos estudos universitarios

O ano no que andamos conmemórase o centenario da Real Orde de 1910 pola que as mulleres tiñan acceso de maneira libre aos estudos universitarios. Para celebrar esta data a Vicerreitoría de Calidade e Planificación e a Oficina de Igualdade de Xénero da USC están a organizar unha serie de eventos culturais que comezaron a pasada semana coa inauguración dunha mostra fotográfica en Fonseca.
A exposición contén unha selección de 25 fotografías presentadas ao I Certame de Fotografía ‘Ruth Matilda Anderson’ que convocou a Oficina de Igualdade de Xénero co fin de contribuír á realización de dúas accións recollidas no Plan de Igualdade de Oportunidades da USC 2009-2011 como son a promoción da elección de especializacións non baseadas en estereotipos de xénero e a celebración do Día Internacional da Muller Traballadora.
Coa elección da fotógrafa estadounidense Ruth Matilda Anderson para dar nome á iniciativa recoñécese a unha muller que fixo un traballo importante nun campo tradicionalmente desenvolvido por homes, ao tempo que se presta atención á súa destacable obra, na que se inclúe un retrato da muller galega dos anos 20.
Esta mostra, de carácter itinerante, pódese visitar ata o 28 de marzo na Aula de Cultura da Fundación Caixa Galicia. De aí irá á Facultade de Ciencias da Comunicación, onde permanecerá do 5 ao 8 de abril, e logo á Biblioteca Concepción Arenal do 9 ao 15 do mesmo mes. Finalmente, do 16 ao 23 de abril a mostra exporase na Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo.
Ciclo de cineA relación entre o mundo social e a muller é o eixo do ciclo de cine que nesta segunda quincena de marzo está a ter lugar na Aula de Cultura da Fundación Caixa Galicia, enmarcado tamén no programa ‘8 de marzo 1910-2010. 100 anos despois: traballando conxuntamente pola igualdade de oportunidades’ da USC.
As proxeccións comezaron este luns coa película ‘Norma Rae’, cuxa presentación estivo a cargo do catedrático Luis Hueso, responsable académico do ciclo. Para este martes 16 está prevista a cinta ‘Nin un menos’, de Zang Yimou, que presentará ás 17:15 horas o profesor Ignacio García Jurado.
A partir deste mércores 17 todas as proxeccións terán lugar ás 20:15 horas, correspondéndolle a ese día a película ‘Erin Brockovich’. O xoves 18 será a quenda de ‘Kandahar’, de Syamak Alagheband.
A vindeira semana o ciclo arrancará o luns coa cinta ‘Hannah e as súas irmás’, de Woody Allen, e cuxa presentación correrá a cargo de Yolanda López. O día seguinte proxectarase ‘Mooladé’, de Ousmane Senbene. O mércores 24 tocaralle a ‘Cidade do silencio’, de Gregory Nava, para rematar con ‘As mulleres de verdade teñen curvas’ e ‘Sempre Xonxa’, os días 25 e 26 respectivamente.

The contents of this page were updated on 03.16.2010.