O Comité Asesor Internacional de Campus Vida salienta o potencial que o proxecto ten para Galicia
O Comité Asesor Internacional de Campus Vida reuniuse por vez primeira este xoves en Compostela co fin de estudar os avances do proxecto e achegar recomendacións de mellora. A esta reunión asistiron o Nobel de Medicina, Torsten Wiesel; o presidente de Ono, José María Castellano; a directora do Cluster Biotecnolóxico de Cataluña BioCat, Montserrat Vendrell, e o Premio Nacional de Investigación Joan Rodés.
Logo de reunirse cos axentes implicados e facer un percorrido polas instalacións de Campus Vida, os expertos coincidiron na importancia que a iniciativa terá para Galicia e puxeron de manifesto a capacidade do proxecto para atraer non só novos investigadores senón tamén -engadiu Torsten nun encontro cos medios de comunicación- “aos galegos e españois que marcharon fóra”.
Clave para Galicia“Non teño dúbida que Campus Vida será o instrumento que axude á formación de estudantes, pero tamén ao desenvolvemento de Galicia creando outras empresas ao seu redor e novos postos de traballo”, asegurou Torsten establecendo unha similitude directa con Silicon Valley, Harvard ou Boston.
Tamén para Monserrat Vendrell Campus Vida, que definiu como “aposta estratéxica ambiciosa”, é “clave para o desenvolvemento da comunidade”. Trátase, dixo, dunha iniciativa apoiada en piares “básicos e innovadores” como a necesidade de talento formado, alianzas estratéxicas co contorno e con outros países ou rexións ou unha rede de centros de investigación cun desenvolvemento vertical “que en certo modo fuxe da estrutura clásica dos departamentos universitarios”.
Para Rodés en Campus Vida existe unha rede de institutos de investigación, tanto básica como aplicada, dedicados á biomedicina “similar ás mellores de Europa”, cunha “estrutura moderna e con visión de futuro tamén na súa xestión”. Pero Campus Vida, engadiu, pensou ademais na empresa, “a academia ao lado da empresa e viceversa”, o que facilita “que a investigación repercuta na sociedade”.
Neste punto incidiu Castellano, catedrático da Universidade da Coruña, para quen se fai necesario involucrar “á academia, ao sector privado e ao público” nun proxecto “emblemático para Galicia e multiplicador de emprego de calidade” (o presidente de Ono asegurou que en cinco anos Campus Vida suporá o emprego directo de 1.000 persoas cualificadas).
Maior apoio institucionalOutro punto clave no que todos fixeron fincapé foi o reclamo dun maior apoio institucional, nomeadamente dos gobernos español e galego pero sobre todo deste último, para conseguir completar todos os obxectivos de Campus Vida. En concreto, sinalaron a necesidade de volver a pór en marcha un programa para atraer talentos e maiores recursos para grandes infraestruturas e para desenvolver algunhas partes do proxecto que non poden avanzar só cos recursos captados pola Universidade.
RecomendaciónsAs intensas xuntanzas que mantivo hoxe o comité, non só co equipo de goberno da USC senón tamén cos axentes institucionais participantes en Campus Vida, deron de si numerosas recomendacións e apuntamentos que redundarán na mellora do proxecto.
Todos eles poñeranse “en limpo” en breve, pero na rolda de prensa avanzaron aspectos como a importancia de ser capaces de atraer talento -“para o que se precisan recursos”, reclamou Vendrell-, un bo sistema de goberno das estruturas que se creen, a transferencia de coñecemento e a creación dunha superestrutura de coordinación sobre os centros singulares de investigación.
O ComitéO neurobiólogo sueco co gañador do Premio Nobel de Fisioloxía e Medicina en 1981 polas súas achegas no estudo da área visual da cortiza cerebral, Torsten Wiesel, estudou Medicina no Instituto Karolinska de Estocolmo, onde comezou a súa carreira docente para posteriormente trasladarse a Estados Unidos e impartir as cátedras de Fisioloxía en Harvard e na Universidade Johns Hopkins.
Pola súa banda, o médico especialista en medicina interna e aparato dixestivo Joan Rodés Teixidor obtivo, entre outras moitas distincións, en 1990 o premio Severo Ochoa á investigación médica, o Premio Nacional de Investigación en Medicina en 2006, a distinción como mellor investigador no ámbito da Hepatoloxía da Fundación de Ciencias da Saúde (1998) e a Cruz de San Jordi da Generalitat de Cataluña no ano 2001. Rodés, catedrático de Medicina da Universidade de Barcelona, foi xefe do servizo de Hepatoloxía do Hospital Clínic de Barcelona e director xeral dese centro entre 2003 e 2008.
Montserrat Vendrell, doutora en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Barcelona especializada en investigación biomédica e biotecnolóxica, é actualmente vicepresidenta da Sociedade Catalá de Bioloxía e subdirectora xeral do Parque Científico de Barcelona. Con máis de dez anos de experiencia en investigación en biomedicina e biotecnoloxía, Vendrell formou parte do grupo de expertos que desenvolveu o plan estratéxico de Biocat, cuxos obxectivos inclúen a promoción das empresas biotecnolóxicas, biomédicas e de tecnoloxías médicas e dos centros de investigación a través da implantación de programas específicos, facilitándolles acceso a financiamento, talento e internacionalización.
Pecha o grupo de expertos presente en Santiago o presidente de ONO e vicepresidente de La Voz de Galicia, José María Castellano. Licenciado en Económicas e Empresariais pola USC, formou parte da cúpula directiva de Inditex durante vinte anos, tempo no que xestionou a expansión internacional da multinacional galega e o nacemento de novas cadeas.