Comeza unha semana de concienciación ecolóxica no Campus de Lugo
Achegar á cidadanía a problemática ambiental galega e global, así como algúns dos instrumentos e accións para facerlle fronte, é o obxectivo das xornadas ‘Ambiente e sociedade en Galicia’ que a Escola Politécnica Superior de Lugo e ADEGA organizan dende este xoves 15 ata o día 22 con motivo da celebración do Día da Terra.
Este encontro inclúe diversas actividades de divulgación e dúas mesas redondas nas que participarán media ducia de expertos. A primeira desenvolverase este xoves 15 ás 19:30 horas no Salón de Actos da EPS e tratará sobre a lexislación como ferramenta para a defensa ambiental na nosa comunidade. Intervirán a profesora de Dereito Ambiental da USC, Alba Nogueira; o fiscal de Medio Ambiente de Galicia, Álvaro Ortiz; e o avogado de Adega, Apolinar Gómez; que tratarán de analizar a situación ambiental galega dende o punto de vista xurídico dando conta das dificultades e oportunidades, tanto do poder xudicial como da sociedade, para facer cumprir as leis relacionadas co medio ambiente.
A segunda mesa redonda será ás 12:00 horas do día 22, tamén na Escola Politécnica e, nesta ocasión, tratarase sobre ‘O cambio climático: accións e percepcións dende Galicia’. A directora da Oficina de Sustentabilidade da USC, Dora Branco; o ex director xeral de desenvolvemento sostible na Consellaría de Medio Ambiente e actual membro do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo, Emilio Fernández; e o secretario de Desenvolvemento Rural e Forestal de Unións Agrarias, Jacobo Feijóo; falarán sobre a forma en que a sociedade galega percibe a mudanza climática e as posibles accións individuais e colectivas que se poden exercer para contribuír ao freo do quecemento global.
Durante esta semana de concienciación ecolóxica faranse tamén proxeccións sobre as problemáticas ambientais existentes a día de hoxe, tanto na provincia de Lugo como no resto de Galicia, e colocaranse mesas informativas no edificio da cafetería da EPS para achegar aos estudantes os sinais e as consecuencias do cambio climático.