Skip to main content

Unha xornada no CIBUS analizará novas estratexias de innovación e valorización

Montserrat Vendrell, directora de Biocat e membro do comité asesor internacional de Campus Vida, abrirá este venres 16 as xornadas ‘Estratexias de Innovación e Valorización’ que se van celebrar no Salón de Actos do edificio CIBUS (Campus Sur, fronte á Facultade de Bioloxía). O encontro ofrece a oportunidade de coñecer de primeira man a opinión de expertos en estratexias de innovación e busca de novas vías de colaboración entre o sector público e o privado.
Ás 10:45 horas, Montserrat Vendrell tomará como referencia o caso de Biocat, a Biorexión de Cataluña, para ilustrar o proceso de creación e impulso dun bioclúster. Con máis de dez anos de experiencia en investigación en biomedicina e biotecnoloxía en distintas institucións internacionais, Montserrat Vendrell formou parte do grupo de expertos representantes das empresas, centros de investigación e administración pública que desenvolveu o plan estratéxico de Biocat, cuxos obxectivos inclúen a promoción das empresas biotecnolóxicas, biomédicas e de tecnoloxías médicas e dos centros de investigación a través da implantación de programas específicos, facilitándolles acceso a financiamento, talento e internacionalización.
A Vendrell seguiralle un relatorio sobre a xestión integral de patentes e transferencia no Centro de Investigación Médica Aplicada (CIMA) da Universidade de Navarra a cargo de Pablo Ortiz, director xeral de DIGNA BIOTECH, empresa biotecnolóxica orientada ao desenvolvemento e explotación dos produtos de investigación xerados no CIMA. O obxectivo de DIGNA é o desenvolvemento de estudos preclínicos e ensaios clínicos así como o proceso de documentación dos produtos existentes para facilitar acordos de licenza con compañías comerciais do sector. O CIMA achega a investigación básica á aplicación clínica e colabora coa industria farmacéutica e biotecnolóxica baixo o lema da Investigación translacional ‘investigar para curar’.
Completando a xornada, o director xeral da Fundación Genoma España, Rafael Camacho, referirase ao programa Innocash para explicar a valorización de resultados a través da dinamización da inversión privada. Innocash é un programa orientado a favorecer o investimento privado no desenvolvemento de resultados de investigación de Centros Públicos.

The contents of this page were updated on 04.15.2010.