Skip to main content

Defendeuse na USC a primeira tese sobre cristalografía de proteínas desenvolvida enteiramente en Galicia

O doutorando Pablo Guardado Calvo defendeu este luns na Facultade de Farmacia a súa tese 'Estructuras Cristalográficas de Proteínas de Virus Animales Implicadas en la Interacción Virus-Hospedador', o primeiro traballo de doutoramento sobre cristalografía de proteínas desenvolvida enteiramente en Galicia.
A cristalografía de proteínas é un campo de crecente interese e de alta tecnoloxía co que se poden visualizar estruturas de proteínas de orde atómica. O método presenta dificultades especiais xa que primeiro hai que lograr expresar grandes cantidades da proteína de interese e en forma soluble, cristalizala, recoller datos de difracción e resolver o problema de fases. Pasos, todos, que se puideron realizar na USC.
O tribunal que o avaliou estivo presidido polo catedrático Javier Benavente e composto ademais pola profesora do Instituto de Bioloxía Molecular de Barcelona, Nuria Verdaguer; o investigador do Instituto de Química Física Rocasolano de Madrid, Juan Hermoso; a científica do Centro Nacional de Biotecnoloxía de Madrid, Carmen San Martín; e o profesor da USC Rubén Varela.
Pablo Guardado realizou o traballo de tese no Departamento de Bioquímica da Facultade de Farmacia baixo a dirección do científico titular do Instituto de Biología Molecular de Barcelona e anteriormente anteriormente Ramón y Cajal da USC, Mark J. van Raaij, e o profesor da USC José Manuel Martínez Costas, coa axuda técnica de Lois Hermo.
O reovirus aviar é un patóxeno que pode causar importantes danos á industria avícola, pero tamén ten interese biotecnolóxico e para a vacinación. Precisamente o grupo dos profesores Benavente e Martínez Costas na USC traballa intensamente na bioloxía molecular do reovirus aviar. Pola súa banda, o adenovirus é un vector utilizado en terapia xénica, polo que interesa investigar como recoñece as súas células hospededoras.
A tese, na que se presentan estruturas de proteínas do reovirus aviar, do adenovirus aviar e do adenovirus porcino, deu lugar a nueve publicacións en revistas internacionais de prestixio como o Journal of Virology e o Journal of Molecular Biology. Ademais, o autor conseguiu unha subvención da Organización Europea de Bioloxía Molecular para desenvolver o seu labor postdoutoral no Instituto Pasteur de París, onde traballará baixo a dirección de Félix Rey, experto en Bioloxía Estrutural de Virus.

The contents of this page were updated on 04.19.2010.