Skip to main content

O Orfeón 'Terra a nosa' ofrece un recital en Lugo

O ciclo de música clásica ‘Músicas a carón da Mosqueira’, organizado no marco do convenio Lugo Cultural, continúa o vindeiro 26 de abril ás 20:30 horas cun concerto do Orfeón ‘Terra a nosa’ no Círculo das Artes da capital luguesa.
Baixo a dirección de Miro Moreira, Jordi Ricard (barítono), Aída López (soprano), Juan Manuel Varela (piano), Nicasio Gradaille (piano) interpretarán o réquiem alemán de Johannes Brahms na súa versión con pianos, que se estreou en Londres no ano 1871 e, en grande medida, axudou a asentar a reputación internacional do compositor.
O programa de ‘Músicas a carón da Mosqueira’ continuará o día 10 de xuño coa actuación da Orquestra Rogelio Groba e rematará o 13 de decembro coa presentación do novo disco do coro Solo Voces, un traballo que dedican integramente á cidade de Lugo facendo unha panorámica da música vocal composta na provincia nos dous últimos séculos. Todos os concertos teñen entrada gratuíta.

The contents of this page were updated on 04.20.2010.