Skip to main content

O proxecto Estalmat para Estímulo do Talento Matemático convoca as súas probas de selección correspondentes a 2010

O proxecto Estalmat-Galicia para Estímulo do Talento Matemático convoca a edición 2010 das súas probas de selección, dirixidas a estudantes de 12 e 13 anos da Comunidade Autónoma galega. O alumnado interesado pódese inscribir cubrindo directamente o formulario que se atopa na páxina web do proxecto ESTALMAT-Galicia, ou ben enviando o mesmo formulario, que se remite aos centros de ensino medio de toda Galicia, por correo postal ou fax á Facultade de Matemáticas antes do día 30 de maio.
A proba de selección, consistente na resolución de problemas de distinto tipo e un test psicométrico, celebrarase o dia 5 de xuño na Facultade de Matemáticas de Santiago de Compostela. Nas probas de 2009, participaron 142 estudantes, 88 rapaces e 54 rapazas, procedentes na súa maioría das provincias da Coruña (89) e Pontevedra (38) seguidas de Lugo (14) e Ourense (1), tanto do ensino público (112) como do privado (30).
O Proxecto ESTALMAT-Galicia, que preside o catedrático de Matemática Aplicada Juan M. Viaño Rey, conta co patrocinio da Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales e da Fundación Vodafone España, e o apoio de distintas institucións e entidades, entre as que se atopan o Consejo Superior de Investigacións Científicas (CSIC), Programa Consolider-Ingenio Matemática e as Deputacións da Coruña e Lugo, ademais da infraestrutura facilitada pola Facultade de Matemáticas da USC.
Con presenza dende hai varios anos en nova comunidades autónomas, en Galicia implantouse por primeira vez no curso 2007-08. O seu obxectivo é detectar e prestar atención a nenos e nenas con talento matemático que, en moitos casos, poden pasar inadvertidos ou quedar desatendidos nas esferas normais do ensino e da familia.
Ao longo de dous cursos académicos, o alumnado seleccionado participa en actividades adaptadas ao desenvolvemento do seu talento. Estas actividades, totalmente gratuítas, teñen lugar en 22 ou 23 mañás dos sábados de cada curso académico, na Facultade de Matemáticas da USC. O equipo docente que atende aos estudantes seleccionados está formado por 25 profesores de matemáticas do ensino medio e das universidades galegas. Para acadar mais información sobre o proxecto, as persoas interesadas poden dirixirse á web do proxecto.

The contents of this page were updated on 04.28.2010.