Skip to main content

A Escola de Enfermaría inaugura unha Unidade de Simulación única nas universidades galegas

Unicamente outras tres universidades do Estado contan cun dispositivo similar

‘Anxo’ é un ‘doente’ profesional, sofre infartos a diario, politraumatismos e calquera patoloxía rexistrada nos libros de textos que os estudantes de Enfermaría deben manexar na súa etapa de formación.
O seu novo lugar de traballo, a Unidade de Simulación da Escola de Enfermaría, inaugúrase oficialmente este luns 1 de marzo na propia escola (Campus Norte), nun acto ás 17:00 horas no que participarán os vicerreitores de Comunidade Universitaria e de Espazo Europeo de Educación Superior, José M. Mayán e Máximo Pló, respectivamente; o xerente do 061, Antonio Iglesias Vázquez; a directora de Formación do 061, Luisa Chayán Zas; e a directora da Escola, Mª Jesús Núñez Iglesias.
Aínda que bautizado co seu nome propio, ‘Anxo’ é un dispositivo electrónico coa aparencia dun individuo adulto no que se poden cargar, a través dun software informático, casos clínicos de diversas dificultade co obxecto de que os estudantes lle apliquen as técnicas e tratamentos necesarios para a súa ‘curación’. A Aula de Simulación da USC é única en Galicia e unicamente outras tres universidades en toda España posúen dispositivos similares.
Como en calquera enfermo, o éxito ou fracaso no tratamento que se lle aplique para paliar os síntomas propostos dependerá da pericia dos futuros profesionais encargados do coidado da súa ‘saúde’. Non obstante, os límites entre a vida e a morte no caso de Anxo son moito máis flexibles. Trátase dun “banco de probas no que os alumnos poden acumular de xeito seguro horas de simulación e experiencia en situacións pseudoreais”, sinala Mª Jesús Núñez.
Actualmente, a Aula de Simulación está destinada fundamentalmente aos alumnos da materia de grao ‘Bases dos coidados de saúde’ e aos de ‘Urxencias’ e Prepracticum do Máster de Atención Sanitaria: Xestión e Coidados. A incorporación de ‘Anxo’ á Escola de Enfermaría foi posible grazas ao apoio da Xunta de Galicia, contando coa colaboración do 061, sendo coordinador da simulación Rubén Martínez e colaboradores Mario López, José Manuel Aguilera e Daniel Simón.
Na xornada inaugural prevista para este luns, realizaranse unha serie de simulacros, nos que os alumnos deberán atender unha parada cardiorrespiratoria e un doente afectado por un politraumatismo, para rematar atendendo a unha persoa atrapada nun coche que será preciso excarcerar.

The contents of this page were updated on 03.01.2010.