Os XXV Encontros de Educación para a Paz avalían os dereitos e as responsabilidades de nenos, nenas e adolescentes
Os dereitos e as responsabilidades de nenos, nenas e adolescentes serán o eixo dos XXV Encontros de Educación para a Paz que este martes, 2 de marzo, se presentaron aos medios de comunicación no Colexio de Fonseca. Participaron na presentación a vicerreitora de Cultura, Elvira Fidalgo, e o presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz, Manuel Dios.
A XXV edición dos Encontros, que se celebran ininterrompidamente en Compostela desde 1985, están organizados polo Seminario Galego de Educación para a Paz e dirixidos especialmente ao alumnado universitario, profesorado de infantil, primaria e secundaria, así como a nais e pais de familia. Neste caso analizarase, desde enfoques diversos, tanto a educación en dereitos como as responsabilidades que cada dereito conleva para o alumnado, as nenas, nenos e adolescentes. Será entre os días 11 e 13 de marzo na Facultade de Ciencias da Comunicación.
A conferencia inaugural do programa, pendente de confirmar, está previsto que a imparta un representante do Ministerio de Educación e Ciencia. Esta primeira xornada completaríase coa presenza do catedrático de Pedagoxía Social da USC, Xosé A. Caride, que pronunciará a conferencia ‘Educación Social e valores cívicos’.
Ao día seguinte, o venres 12, a coordinadora académica da Cátedra Unesco de Filosofía per la Pau da Universidade Jaume I de Castelló, Irene Cominis, reflexionará sobre ‘A filosofía do coidado’. Seguiralle a presidente de Unicef España Consuelo Crespo cunha reflexión arredor das ‘Perspectivas de futuro da Convención sobre os dereitos do neno e a nena’.
A xornada do sábado 13 estará dedicada exclusivamente ao desenvolvemento de obradoiros e experiencias educativas a cargo de Amnistía Internacional, Unicef e do Seminario Galego de Educación para a Paz, ademais analizaranse as aplicacións pedagóxicas da maxia e do cinema na resolución de conflitos. Na conferencia de clausura, a psicóloga e autora de El NO, ayuda a crecer, Mª Jesús Álava, falará sobre ‘Por que son os fillos máis tiranos hoxe? Claves para as familias’.
A matrícula aínda está aberta e pode realizarse no web www.sgep.org ou telefonicamente en 981-561956. Na organización colaboran, ademais das tres universidades, a Xunta de Galicia, o Concello e a Deputación da Coruña.