Skip to main content

Búscanse ideas para a imaxe da campaña de matrícula para o vindeiro curso

A Oficina de Información Universitaria (OIU) convoca un concurso de ideas para seleccionar o deseño do cartel e da imaxe da campaña de matrícula da USC para o curso académico 2010-2011. O deseño destinarase á difusión e promoción dos estudos da USC tales como carteis, folletos ou web.
Con data límite o 15 de marzo, os estudantes universitarios e os de ensino medio que desexen participar deberán facelo con ata dúas propostas inéditas. A resolución coñecerase o 15 de abril.
O gañador recibirá un premio de 1.000 €, e ademais poderase outorgar un accésit de 500. O xurado estará presidido polo vicerreitor de Política Internacional e composto ademais polo vicexerente de organización académica, a directora da OIU, a vicedecana da Facultade de Ciencias da Comunicación, o coordinador do programa ‘A ponte entre o ensino medio e a USC’ e un especialista en márketing e deseño.
Os interesados deben enviar as súas propostas á Oficina de Información Universitaria (Pavillón estudantil, Campus Sur) tal e como se establece nas bases do certame.

The contents of this page were updated on 02.22.2010.