A Facultade de Medicina reunirá a expertos de seis países para analizar os últimos avances tecnolóxicos aplicados á Odontoloxía
As últimas novidades na aplicación das novas tecnoloxías, e particularmente do láser, na práctica odontolóxica serán presentadas en Compostela os vindeiros 12 e 13 de febreiro na Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC no transcurso do décimo congreso da Sociedad Española de Láser Odontoestomatológico (SELO). Trátase da primeira vez que esta encontro internacional de expertos se celebra en Galicia tomando o relevo de Madrid, Barcelona, Sevilla, Valencia e Salamanca.
Os principais detalles do programa presentáronos en rolda de prensa este martes 9 o presidente e a secretaria do comité organizador, Gonzalo López Castro e Mercedes Gallas Torreira.
‘O camiño cara a Odontoloxía do futuro’ é o lema escollido para este encontro no que participarán expertos internacionais e ao abeiro do que tamén se desenvolven a IV Reunión SELO para Hixienistas e Auxiliares e a segunda Xuntanza coa Ordem dos Médicos Dentistas de Portugal. O encontro acadou o recoñecemento de interese sanitario da Xunta de Galicia e está acreditado pola Consellaría de Sanidade.
A presentación das distintas intervencións correrá a cargo de investigadores e profesionais procedentes de Alemaña, Israel, Italia, Portugal, Turquía e España. Entre eles atópanse os presidentes da Academia Europea de Medicina Oral, da Federación Mundial do Láser e da Sociedade Española de Medicina Estética, ou o xefe de servizo de Avaliación de Riscos da Axencia Española de Medicamentos.
Son os “principais e máis destacados protagonistas na temática proposta” sinalou Gonzalo López en referencias aos expertos que intervirán no desenvolvemento do programa, para engadir “tanto pola súa valía científica e capacidade de impacto como polo seu perfil profesional”. En conxunto, as distintas quendas de intervención abarcan un amplo abano da odontoestomatoloxía, dende a periodoncia ou a implantoloxía ata a operatoria, endodoncia, pasando pola cirurxía, a medicina estética ou a utilización do láser.
O programa arrancará cunha sesión precongresual na que se analizará a situación actual dos estudos en bisfosfonatos dando paso a unha serie de intervencións nas que, partindo dunha análise sobre a evolución da tecnoloxía láser ata a actualidade, prestarase atención a cuestións como as vantaxes do tratamento con láser en operatoria, en periodoncia, odontopediatría e ortodoncia; ou opcións do láser de CO2 en cirurxía oral. As aplicacións desta tecnoloxía con finalidade conservadora, na desinfección de condutos ou na estética facial, son outros dos temas que tamén estarán presentes no programa do encontro. Ademais, o programa inclúe, como primicia para España, a presentación dun novo escáner intraoral que estará a disposición dos asistentes.
Ao acto inaugural, o venres 12 de febreiro, está prevista a asistencia da conselleira de Sanidade Pilar Farjas. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden visitar a web http://www.selosantiago.com/.