Skip to main content

A Real Filharmonía de Galicia ofrece en Lugo un novo recital dentro do seu ciclo 'Formacións de cámara'

A Real Filharmonía de Galicia ofrece este mércores 10 ás 21:00 horas no Salón de Actos da Fundación Caixa Galicia de Lugo o segundo recital do seu ciclo ‘Formacións de Cámara’, que interpreta na cidade coa colaboración da Vicerreitoría de Cultura da USC.
O quinteto formado por Claudio Guridi (violín), Enrique Roca (violín), Timur Sadykov (viola), Carlos García (violonchelo) e Vicente López (clarinete) será o protagonista deste concerto, no que interpretarán as pezas Cuarteto de corda nº1, en fa maior, op.18, de Beethoven, e Quinteto para clarinete e cuarteto de corda, op.30 de Hindemith.
‘Formacións de cámara’ é o primeiro ciclo que a Real Filharmonía de Galicia, orquestra xestionada polo Consorcio de Santiago, presenta en Lugo e consta de seis concertos que se desenvolverán un mércores ao mes, ata xuño, con entrada gratuíta.
Este ciclo permite que a singularidade artística de cada un dos compoñentes da orquestra se plasme en proxectos de cámara, ao tempo que se consegue unir os conceptos de música e patrimonio, levando os concertos ao centro histórico da cidade.
Os asistentes aos recitais poden gozar dun amplo repertorio camerístico da man dos solistas da orquestra que, para a ocasión, se agrupan en un sexteto, dous quintetos e tres cuartetos, con programas que inclúen pezas de compositores clásicos e contemporáneos. En total, escoitaranse en Lugo dezaoito obras musicais.

The contents of this page were updated on 02.09.2010.