Skip to main content

O Consello de Goberno da USC aproba o orzamento para 2010

O Consello de Goberno da USC deu hoxe o seu visto bo ao orzamento da institución, que ascende a 244,6 millóns de euros, conforme ás Liñas Xerais aprobadas a principios deste mes no Claustro Universitario.
Estas contas teñen a vontade de manter os compromisos definidos na programación plurianual e as principais apostas estratéxicas da institución a pesar da importante redución nos gastos de funcionamento -a redución media deses capítulos acada o 9,5%- que supón recortes nalgunhas partidas de máis do 25% “na medida en que determinados gastos básicos -limpezas, subministros, mantementos, seguridade...-, resultan imposibles de minorar”, segundo o vicerreitor de Economía.
En todo caso, os orzamentos atenden obxectivos prioritarios e estratéxicos como o capítulo de persoal, a amortización da débeda bancaria que se derivou da crise económica da USC a principios da década, os préstamos reintegrables asociados a convocatorias competitivas que están permitindo financiar infraestruturas e equipamento científico necesario e as accións orientadas á calidade na docencia, na investigación e nos servizos.
Campus Lugo 2015O reitor presentou tamén na xuntanza o proxecto de desenvolvemento do Campus de Lugo co horizonte posto no ano 2015. A iniciativa pretende consolidar a oferta docente existente e desenvolver a nova de maneira axeitada, así como incrementar o potencial investigador e de emprendemento xa demostrado ata o de agora.
O desenvolvemento do plan implicará, entre outras actuacións, a construción de novos edificios de servizos e para centros singulares de investigación, a Escola de Enxeñaría Civil ou un pavillón polideportivo. Ademais suporá unha modificación substancial do urbanismo na principal arteria de entrada á cidade.
Por outra banda, este órgano de goberno universitario, que condenou o atentado ao profesor Blanco Valdés, aprobou o cambio de denominación do Campus Sur compostelán, que pasará a chamarse Campus Vida, ademais da adhesión ao documento que o Consello da Cultura Galega lle remitiu ao Parlamento e aras de constituír unha comisión parlamentaria que elabore un plan de desenvolvemento consensuado do Plan Xeral de Normalización Lingüística.
Outros asuntosA sesión reanudarase pola tarde para tratar o resto dos asuntos previstos, como son o novo calendario académico para o curso 2010-2011, a proposta de creación e regulamento dos centros singulares de investigación CIMUS e CIQUS, un informe coas titulacións do EEES e os criterios para a continuidade de másteres universitarios. En materia de docencia, o Consello de Goberno estuda a adscrición de materias de Grao e Máster e áreas de coñecemento, a asignación de docencia nas titulacións adaptadas ao EEES, a capacidade e necesidades lectivas e de titorías do vindeiro curso e a Planificación Académica Anual.
Completarase a reunión cos regulamentos de réxime interno de Criminoloxía e Bioloxía, a modificación da normativa de funcionamento do Centro de Posgrao, Terceiro Ciclo e Formación continua e a proposta de crear dúas comisións no máster universitario en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, formación profesional e ensino de linguas.

The contents of this page were updated on 02.17.2010.