Skip to main content

A USC reflexiona sobre a presidencia española do Consello da Unión Europea

Foi no transcurso da sesión inaugural do encontro de Centros de Documentación Europea de Universidades españolas

As prioridades da presidencia española do Consello da Unión Europea son o argumento central da conferencia que o embaixador en misión especial para relacións coas institucións da Unión Europea, Enrique González Sánchez, pronunciou este xoves 21 na sesión inaugural do encontro de Centros de Documentación Europea universitarios– Rede Europe Direct.Este encontro chega a Compostela en pleno Ano Xacobeo e no semestre en que España ostenta a presidencia do Consello da Unión Europea. A sesión inaugural do encontro celebrouse cun acto oficial de apertura que presidir o reitor da USC, Senén Barro, no Colexio de Fonseca e no que tamén estiveron presentes a responsable da Rede de Centros Europe Direct da Representación da Comisión Europea en España, Ana Río Quintana; o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo; e o director do Centro de Estudos e Documentación Europeos da USC, Ángel García Vidal.
Completou esta sesión inaugural, a conferencia do investigador no Real Instituto Elcano, Ignacio Molina Álvarez de Cienfuegos, que falou sobre ‘A coexistencia entra as presidencias semestrais e a presidencia estable do Consello de Europa.
‘Documentación Europea no Camiño de Santiago’ é o lema deste encontro que achega a Compostela a representantes de trinta Centros de Documentación Europea (CDE) doutras tantas universidades españolas. Nas dúas xornadas previstas, este xoves e o venres 22, presentaranse novidades e experiencias en materia de tecnoloxías da información e das comunicacións aplicadas á documentación europea, colaboración en proxectos Jean Monnet ou cursos de especialización en materia comunitaria, entre outros asunto.
A rede de Centros de Documentación Europea creouse en 1963 para fomentar o estudio sobre as institucións e políticas europeas no seo das institucións universitarias. Actualmente organízase en redes nacionais, unha de alcance europeo e outra de carácter mundial, aglutinando así a Centros de Documentación espallados por institucións ao longo de todo o globo.
Os CDE forman parte da Rede Europe Direct que ten como obxectivo achegar a Unión Europea aos cidadáns, aínda que ao situarse nas universidades se orienta maioritariamente ao apoio á docencia e á investigación. Esta xuntanza de Compostela está coordinada por Elena Pérez Carrillo, da USC, e Eva Ramón Reyero, da Universidade Francisco de Vitoria.

The contents of this page were updated on 01.21.2010.