Representantes de dezaoito universidades analizan na USC a situación actual do proxecto OpenCourseWare Universia

O Colexio de San Xerome foi o escenario no que representantes de 18 universidades españolas analizaron a situación actual do proxecto OpenCourseWare – Universia. Nesta xuntanza de coordinación, os participantes puxeron en común casos de boas prácticas e incentivos desenvolvidos nas universidades para impulsar este proxecto entre os docentes das respectivas institucións implicadas.
A iniciativa OpenCourseWare púxose en marcha en Abril do 2001 no Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT) en colaboración coas Fundacións William and Flora Hewlett e coa Andrew W. Mellon para proporcionar un acceso libre, sinxelo e coherente aos materiais docentes para educadores, estudantes e autodidactas de todo o mundo. O seu éxito permitiu poñer en marcha un movemento flexible baseado nun modelo eficiente de publicación ao que se sumaron universidades de todo o mundo e que no caso particular de España se materializou no Consorcio OCW-Universia, do que a USC é unha universidade promotora.
No transcurso da mesma xuntanza, presentouse a terceira edición do Premio Ministerio de Educación-Universia, que recoñecerá as mellores materias publicadas en aberto dentro de OCW-Universia. Dotado cun premio principal de 10.000 euros e catro accésits de 3.000 euros, entregarase no transcurso da Xunta Xeral de Accionistas do Portal Universia.
Como novidades con respecto ás convocatorias anteriores, outorgarase un premio especial de 10.000 euros á materia accesible. Esta cantidade repartirase entre un premio principal e ata dous accésits. Así mesmo, outorgarase unha mención especial ás mellores materias de grao publicadas por cada grande área de coñecemento.