Os organizadores do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural visitan as instalacións de Ingapan en Lugo
O vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero Latorre; o presidente do Grupo Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras; e a adxunta á presidencia do mesmo grupo, Carlota López Pardo; visitarán este luns 18 ás 11:30 horas as instalacións que Ingapan, a empresa luguesa gañadora da décima edición do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, ten no polígono industrial do Ceao (rúa da Agricultura, 52).
O presidente de Ingapan, Xosé Manuel Chousa, acompañaraos na visita para explicarlles a actividade que se leva a cabo a diario nestas instalacións e para presentarlles os proxectos nos que está a traballar o grupo, que se sitúa como o cuarto produtor do sector da alimentación en España.
Entre eses proxectos salienta a aposta da firma por cuadriplicar no vindeiro verán a fabricación de produtos refrixerados, pasando de 300.000 a 1.150.000 unidades mensuais. A empresa traballa tamén nun novo sistema que permitirá tostar os produtos refrixerados no microondas e na posta en marcha da Cidade do Pan, un polígono privado de 86.000 metros cadrados que se localizará en Outeiro de Rei e que suporá a creación duns catrocentos postos de traballo.
Premio AresaO xurado do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, composto este ano polo reitor da USC, Senén Barro Ameneiro; o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero Latorre; o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras; o reitor da Universidad de Las Palmas de Gran Canaria, José Regidor García; e o ex-reitor da USC e académico da Real Academia Española da Lingua, Darío Villanueva Prieto, acordou de xeito unánime conceder o galardón da súa décima edición ao grupo Ingapan pola súa contribución ao desenvolvemento da economía galega.
Para os membros do xurado, Ingapan é o exemplo de como unha pequena empresa familiar xurdida en Lugo nos anos 50 pode, mediante o esforzo e a innovación, acometer un proceso de expansión a nivel nacional e internacional, que a leva a estar presente en máis de 10 países da Unión Europea e 7 de América.
Ademais, valorouse o seu carácter innovador e o continuo traballo na busca de novos produtos e servizos, o que fixo posible que xeración tras xeración a empresa se convertese nun referente internacional de calidade e prestixio.
O Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, organizado conxuntamente polo grupo do mesmo nome e pola USC, entregarase nunha gala que se celebrará o vindeiro 22 de xaneiro.