Skip to main content

O goberno español premia unha investigación sobre poboacións de bacterias autóctonas asociadas aos procesos de degradación natural do fuel do Prestige

O seu autor, Jorge Alonso, é investigador do Grupo de Enxeñaría Ambiental e Bioprocesos da USC

O investigador do Grupo de Enxeñaría Ambiental e Bioprocesos da USC Jorge Alonso acadou o segundo premio de ‘Investigación e Innovación Tecnolóxica na loita contra a contaminación marítima e do litoral’ que convoca o Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño. Foille concedido este recoñecemento pola súa tese de doutoramento "Estudio metagenómico de comunidades bacterianas autóctonas en diferentes ecosistemas marinos afectados por fuel del Prestige en Galicia (NO-España). Potencial de biodegradación".
Esta investigación estudou as poboacións de bacterias autóctonas asociadas aos procesos de degradación natural do fuel do Prestige para así mellorar as técnicas de biorremediación na costa galega. A importancia da investigación radica nos escasos coñecementos existentes sobre a microbiota asociada á biorremediación –microorganismos autóctonos que teñen a propiedade de utilizar os compoñentes do petróleo como parte da súa alimentación-. A información obtida no estudo permitirá o deseño de futuros tratamento máis eficaces.
Como conclusión, Jorge Alonso asegura que a biorremediación se ofrece como unha boa alternativa para a limpeza do fuel depositado en zonas de alto valor ecolóxico tras a catástrofe do Prestige”. Non obstante, o investigador puntualiza que “a súa eficacia é variable entre diferentes aplicacións en función das características ambientais do sitio contaminado, o tipo de petróleo derramado e o potencial de biodegradación da poboación microbiana autóctona do hábitat afectado”.
En particular, no caso avaliado e debido a riqueza en nutrintes das rías “non parece aconsellable nin necesario achegar fertilizantes para favorecer o crecemento de bacterias degradadoras mentres que o uso de biorremediación é bastante efectivo no caso da Costa da Morte”, subliña Jorge Alonso. Engade ademais que “en ningún caso sería efectivo engadir máis bacterias que as que xa existen no propio medio. Comprobouse que estas bacterias esóxenas serían desprazadas por competencia coas autóctonas”.
Segundo o seu autor, os resultados desta investigación, centrada na Ría de Vigo e na Costa da Morte, pódese aplicar ao ámbito do estudo propio así como a outros vertidos de petróleo e os seus derivados. Actualmente Jorge Alonso forma parte do Grupo que lidera o profesor Juan Lema onde se encarga do estudo de poboacións microbianas asociadas a procesos biotecnolóxicos de interese industrial.
Jorge Alonso realizou a súa tese de doutoramento no Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC (IIM-CSIC), baixo a dirección de Antonio Figueras e Beatriz Novoa, investigadores do Grupo de Patoloxía de Organismos Mariños do IIM-CSIC e tutelada pola catedrática da USC, Alicia Estévez Toranzo, dentro do Programa de Doutoramento “Microbioloxía e Parasitoloxía”

The contents of this page were updated on 01.19.2010.