Skip to main content

Aberta a inscrición para o segundo curso do proxecto 'e+s Miño' da USC para dinamizar os concellos de Terras do Miño

A USC abriu o prazo de inscrición para os empresarios, traballadores e agricultores dos concellos incluídos na Reserva da Biosfera Terras do Miño que desexen participar nun curso sobre os corredores naturais e rutas verdes que se desenvolverá na Escola Habaneira de Guitiriz os días 1, 2, 3, 22, 23 e 24 de febreiro, en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas os luns, e de 10:00 a 14:00 horas os martes e mércores, con matrícula de balde.
Este curso é o segundo das once accións formativas que se levarán a cabo dentro do proxecto ‘e+s Miño’ que promove a USC en colaboración coa Consellaría de Traballo e Benestar e o Grupo de Desenvolvemento Rural Terra Chá, e que está financiado polo Programa Empleaverde da Fundación Biodiversidad.
O obxectivo deste novo curso é explicar aos asistentes a activar os recursos naturais dos seus municipios da Reserva da Biosfera, como son os corredores naturais e as rutas verdes, de xeito que se potencie o turismo e o crecemento económico do lugar, pero sempre promovendo un desenvolvemento sostible.
A primeira acción formativa enmarcada no proxecto ‘e+s Miño’ desenvolveuse no mes de decembro e permitiu aos participantes achegarse aos sistemas de información xeográfica aplicados á xestión dos recursos naturais. O seguinte curso impartirase no mes de marzo e analizará a innovación e as iniciativas dinamizadoras nas Reservas da Biosfera.
Proxecto ‘e+s Miño’O proxecto ‘e+s Miño’ está dirixido aos 26 concellos incluídos en Terras do Miño, todos eles situados na conca alta deste río, e que no ano 2002 recibiron da Unesco a máxima catalogación medioambiental: A Pastoriza, Abadín, Alfoz, Baralla, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, Cospeito, Friol, Guitiriz, Guntín, Láncara, Lugo, Meira, Mondoñedo, Muras, O Corgo, O Páramo, O Valadouro, Ourol, Outeiro de Rei, Pol, Rábade, Riotorto, Vilalba e Xermade.
O proxecto desenvolverase ata o mes de maio de 2011 co obxectivo de promover a formación ambiental dos traballadores dos concellos implicados, incrementando a súa cualificación e competencia, promovendo a incorporación da sostibilidade ás empresas e a adaptación das actividades económicas á normativa ambiental. Ademais, pretende detectar novas oportunidades de negocio ligadas á conservación e valorización do entorno da Reserva da Biosfera Terras do Miño.

The contents of this page were updated on 01.26.2010.