O reitor da USC presidiu a celebración do patrón da Universidade na Facultade de Ciencias de Lugo
O reitor da USC, Senén Barro, presidiu este xoves 28 o acto académico da festividade de San Tomé de Aquino, padroeiro da Universidade, que se celebrou na Facultade de Ciencias de Lugo.
No acto estiveron presentes vicerreitores, decanos e directores de centros, directores de departamentos, membros do Consello Social, persoal docente investigador e de administración e servizos tanto do campus de Lugo como de Santiago.
Asistiron tamén numerosas personalidades da vida social, cultural e política galega, entre os que se atopaban representantes da corporación municipal de Lugo, da Deputación Provincial, deputados, senadores e parlamentarios.
Senén Barro ofreceu o discurso titulado ‘Pensamos que podíamos’ no que lembrou os grandes proxectos da USC que se converteron en realidades. Entre eses desexos cumpridos da institución académica subliñou o recoñecemento de campus de excelencia internacional, outorgado conxuntamente polo Ministerio de Educación e o Ministerio de Cultura e Innovación, e conseguido tan só por 9 dos máis de 50 proxectos de universidades españolas presentados á primeira convocatoria do Programa Campus de Excelencia Internacional.
Para o reitor da USC, “o proxecto que presentamos, denominado CAMPUS VIDA, é sobre todo un novo modelo de universidade, un camiño sen retorno por unha USC que aposta pola xeración e atracción de talento de excelencia; a promoción da investigación traslacional e orientada á innovación; o compromiso coa creación de emprego e o fomento do emprendemento; a consolidación dunha universidade sostible; e a internacionalización da súa actividade, tanto docente como investigadora. Por iso, as infraestruturas as infraestruturas de CAMPUS VIDA, sendo moi importantes e visibles, son un medio e non o fin. Do mesmo xeito que se ben a súa principal concreción física dáse no vello e histórico campus ao sur de Santiago de Compostela, o seu sistema nervioso, os seus músculos e as súas arterias e veas esténdense por toda a USC; mais aínda, agora vanse estender por toda Galicia. O histórico acordo de cooperación das universidades galegas en docencia e investigación supón a incorporación das outras universidades a un proxecto que xa foi concibido como proxecto de país, e que vaino ser no máis amplo sentido da expresión”.
Barro falou tamén doutro cometido que dende a USC “pensabamos que podíamos”,como foi acadar: un proxecto de futuro para o campus de Lugo. Neste senso, o reitor explicou que “elaboramos un proxecto que está concretado no necesario para que o campus siga medrando en amplitude, urbanística e tematicamente, e para que o faga de forma harmónica con esta marabillosa cidade de Lugo na que se asenta. Trátase de crecer en espazos –investimos neste anos máis de 21 millóns de euros en novas edificacións-, mais sobre todo en medios, servizos e infraestruturas para a docencia e a investigación –só o investimento en infraestruturas e equipamento de apoio á investigación superou os 10 millóns de euros, o que representa máis do 35% do total da USC nestes anos-“. Senén Barro adiantou que proximamente se presentará publicamente o proxecto que plantexa o Campus de Lugo para o ano 2015.
Lección maxistralA profesora do Departamento de Química Inorgánica da USC, Isabel Fernández García, foi a encargada de impartir a lección maxistral na que abordou a presenza do manganeso na vida cotiá. No seu relatorio, Isabel Fernández quixo demostrar a importancia que ten a química no noso día a día, explicando que unha cuarta parte dos elementos químicos son esenciais para a vida.
A profesora da USC elixiu como exemplo un elemento tan versátil como é o manganeso, e deixou claro que, aínda que en principio nos resulte un elemento alleo e descoñecido, este elemento estase a empregar ao longo dos tempos nas tarefas máis diversas. De feito, este elemento xa se empregaba nas pinturas rupestres e mesmo na fabricación do vidro exipcio e romano. A día de hoxe o manganeso é un dos compoñentes de moitos aceiros cos que se elaboran os utensilios domésticos máis comúns, das pilas que precisan os aparellos electrónicos portátiles, dos fertilizantes que empregan os agricultores nas súas terras, e mesmo dos produtos de cosmética, pintura artística ou tintas de impresión a través dos colorantes de violeta deste elemento.
No transcurso do acto de celebración do San Tomé de Aquino, o coro universitario interpretou o ‘Veni Creator’ e o ‘Gaudeamus Igitur’.