Expertos de Alemaña, Israel, Italia, Portugal, Turquía e España presentan os últimos avances na aplicación do láser á Odontoloxía
As últimas novidades na aplicación do láser na práctica odontolóxica serán presentadas en Compostela os vindeiros 12 e 13 de febreiro na Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC no transcurso do décimo congreso da Sociedad Española de Láser Odontoestomatológico (SELO).
‘O camiño cara a Odontoloxía do futuro’ é o lema escollido para este encontro no que participarán expertos internacionais e ao abeiro do que tamén se desenvolven a IV Reunión SELO para Hixienistas e Auxiliares e a segunda Xuntanza coa Ordem dos Médicos Dentistas de Portugal. O encontro, cuxo comité organizador preside o profesor colaborador da Facultade de Odontoloxía Gonzalo López Castro, acadou o recoñecemento de interese sanitario da Xunta de Galicia e está acreditado pola Consellaría de Sanidade.
O programa arrancará cunha sesión precongresual na que se analizará a situación actual dos estudos en bisfosfonatos dando paso a unha serie de intervencións na que, partindo dunha análise sobre a evolución da tecnoloxía láser ata a actualidade, prestarase atención a cuestións como as vantaxes do tratamento con láser en operatoria, en periodoncia, odontopediatría e ortodoncia; ou aplicacións do láser de CO2 en cirurxía oral. As aplicacións desta tecnoloxía con finalidade conservadora, na desinfección de condutos ou na estética facial, son outros dos temas que tamén estarán presentes no programa do encontro.
A presentación das distintas intervencións correrá a cargo de investigadores e profesionais procedentes de Alemaña, Israel, Italia, Portugal, Turquía e España. Entre eles atópanse os presidentes da Academia Europea de Medicina Oral, da Federación Mundial do Láser e da Sociedade Española de Medicina Estética, ou o xefe de servizo de Avaliación de Riscos da Axencia Española de Medicamentos, entre outros. Ao acto inaugural, o venres 12 de febreiro, está prevista a asistencia da conselleira de Sanidade Pilar Farjas. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden visitar a web http://www.selosantiago.com/.