Skip to main content

A USC e a Fundación Proxecto Home asinaron un acordo marco de colaboración

O desenvolvemento do voluntariado, a organización de visitas programadas a Proxecto Home ou a difusión con carácter permanente de información no ámbito das drogodependencias, son algunhas das estratexias coas que Proxecto Home achegará a súa experiencia á comunidade universitaria da USC. Esta é unha das liñas marcadas no convenio marco asinado este martes 12 en San Xerome entre o reitor Senén Barro e Ramón Gómez Crespo, da Fundación Proxecto Home.
Ao abeiro deste documento, a institución académica pretende achegar ao seu persoal e estudantes un mellor coñecemento de Proxecto Home, formándoos no ámbito das drogodependencias a través da realización de cursos baixo a xestión e coordinación conxunta con profesorado da USC.
Ademais o acordo permitirá tamén o asesoramento científico-técnico e a colaboración no desenvolvemento de plans de actuación, ao tempo que fomentar o compromiso da comunidade universitaria en proxectos solidarios e de voluntariado. Neste senso, e a través do Servizo de Participación e Integración Universitaria quérese incidir na organización de accións voluntarias, de promoción social e de integración universitaria en áreas relacionadas coa drogodependencia e a súa integración na sociedade.
Será misión das actividades que se organicen ao abeiro deste acordo, fomentar o recoñecemento de actividades académicas e a coordinación de traballos de investigación en materia de drogodependencias e difundir á sociedade galega a experiencia desta colaboración coa finalidade de promover unha maior concienciación cara á responsabilidade social e, en particular, cara á loita contra o uso indebido de drogas.

The contents of this page were updated on 01.12.2010.