Skip to main content

A Sociedade Goethe en España conmemora nun congreso na USC o aniversario da irrupción das vangardas culturais alemá e europea

O VII Congreso da Sociedade Goethe en España celebrarase por primeira vez na Universidade de Santiago baixo o lema ‘1910-2010: un século de vangardas’. Será entre os días 18 e 20 de novembro no Centro de Estudos Avanzados cando expertos universitarios de todo o mundo se reúnan na cidade para sumarse á conmemoración da Sociedade convocante do aniversario da irrupción das vangardas na literatura e cultura alemá e europea, con especial incidencia no Expresionismo, a vangarda máis característica da cultura alemá e cuxa influencia perdura hoxe. Os relatorios e comunicacións organízanse en torno a catro seccións diferenciadas que reflicten un amplo panorama dos temas recurrentes na literatura alemá da época como son Alemaña nas vangardas europeas, crise da identidade e da linguaxe, escritoras e vangardas literarias e clasicismos. O expresionismo Do expresionismo alemán destacan películas como ‘Metrópole’ de F. Lang ou ‘Nosferatu’ de F.W. Murnau, a pintura desenvolvida principalmente ao redor dos grupos artísticos ‘Die Brücke’ (A Ponte) e ‘Der blaue Reiter’ (O xinete azul) e os seus artistas Ernst Ludwig Kirchner, Karl Schmidt-Rottluff, Emil Nolde ou Franz Marc, Paul Klee, etc. así como numerosas escritoras e escritores como Else Lasker-Schüler, Georg Heym, Alfred Döblin o Franz Kafka.

The contents of this page were updated on 11.12.2010.