Skip to main content

A USC acolle o vindeiro ano as Xornadas CRAI

A súa finalidade é difundir o concepto de Centro de Recursos para a Aprendizaxe e a Investigación

A Universidade de Santiago acollerá o vindeiro ano, os días 16 e 17 de xullo, as Xornadas CRAI dedicadas a difundir o concepto de Centro de Recursos para a Aprendizaxe e a Investigación, que organizan por cuarto ano consecutivo dúas sectoriais da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE) como son a Rede de Bibliotecas Universitarias Españolas e o grupo TIC.

A edición compostelá das xornadas CRAI estarán dedicada á avaliación e acreditación das competencias informáticas e informacionais. En países como Estados Unidos ou Australia, a integración destas competencias nos plans de estudo está establecida na política nacional de educación e en Europa, son múltiples os países que xa as incorporan nos plans docentes, como Francia, Gran Bretaña ou Finlandia.

En España xa existen exemplos de integración das mesmas, polo que o tema central das xornadas que acollerá a USC o vindeiro ano será como acreditar e avaliar precisamente as devanditas competencias. No desenvolvemento do programa, contarase coa presenza de destacados expertos en cuestións de avaliación así como de representantes de distintas axencias acreditadoras. As actuacións no contexto español se contemplarán nunha sesión de boas prácticas na que participará entre outras universidades españolas a USC.

As Xornadas diríxense a toda a comunidade universitaria pero de maneira especial a aqueles que se dedican á planificación ou ordenación académica, aos responsables académicos e técnicos dos servizos universitarios, aos profesionais que traballan nos servizos informáticos e de biblioteca e a todos aqueles que desenvolven o seu labor no ámbito dos servizos de apoio á aprendizaxe, á docencia e á investigación.

Liña 1 de Rebiun
REBIUN artella o seu traballo a través dunha serie de grupos de traballo estables e catro grupos que desenvolven outras tantas liñas fundamentais do seu vixente Plan estratéxico. Dende 2008 a Biblioteca Universitaria de Santiago forma parte da Liña 1 (REBIUN no ámbito da aprendizaxe) que ten como obxectivo orientar e apoiar ás bibliotecas universitarias nos novos retos do EEES e no cambio de modelo docente centrado na aprendizaxe do estudante. No grupo tamén participan as universidades de Alcalá, Carlos III, Sevilla, Pompeu Fabra, Granada, Complutense, Alacante e La Laguna.

The contents of this page were updated on 11.12.2010.