Skip to main content

O profesor Ángel Carracedo destacado co premio Galien 2010 na categoría de Mellora Labor Investigador

O profesor Carrecedo recolleu a medalla conmemorativa nun acto celebrado no Casino de Madrid
O profesor Carrecedo recolleu a medalla conmemorativa nun acto celebrado no Casino de Madrid
Estes premios, coñecidos co sobrenome dos ‘Nobel do Medicamento’, constitúen os máis importantes galardóns no campo da investigación, desenvolvemento e comercialización farmacolóxica

O profesor Ángel Carracedo acaba de recoller o Premio Galien 2010 na categoría de Mellor Labor Investigador polo conxunto da súa traxectoria no eido da xenética. Os premio Galien, tamén coñecidos co sobrenome dos ‘Nobel do Medicamento’ teñen carácter internacional e outórganse nos once países organizadores. Ademais, están considerados como os máis importantes galardóns no campo da investigación, desenvolvemento e comercialización farmacolóxica e o seu fin é recoñecer o labor profesional de investigadores e científicos cuxos avances inciden significativamente no benestar da sociedade. No recoñecemento outorgado ao profesor Carracedo, o xurado destacou que o docente da USC se teña convertido nun dos científicos de maior impacto en todo o mundo no campo da xenética forense e de poboacións humanas, “facendo do seu centro un lugar de excelencia onde se formación científicos de todo o mundo”. Neste senso, o premio quere recoñecer tamén como nos últimos vinte anos estendeu o seu labor ao campo da xenética clínica e medicina xenómica, eido no que impulsou e dirixe a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, o centro de maior volume de España na diagnose de enfermidades xenéticas. Ademais, ten publicado dez libros e máis de 350 artigos en revistas de impacto, incluíndo Nature, Nature Genetics e Science, ademais de ter sido recoñecido co doutoramento honoris causa por varias universidades.

Os premios Galien contemplaban outras dúas modalidades, a de Mellor Proxecto de Innovación Tecnolóxica en saúde, outorgado á empresa ACITS 06 polo desenvolvemento dun dispositivo de autotoma cervical na diagnose citolóxica e do VPH, e a de Mellor Medicamento do Ano, que recaeu en Nplate.

The contents of this page were updated on 11.12.2010.