Skip to main content

Especialistas de toda España debaten na USC sobre as últimas novidades en Dereito de Sucesións

‘Dereito de sucesións. Aspectos internos e internacionais’ é o lema da xornada que o grupo de investigación De Conflictu Legum organiza este venres 12 no Salón de Graos da Facultade de Dereito dirixido a estudantes, profesionais e investigadores do Dereito. O encontro aposta por repensar e reformular algunhas parcelas do Dereito de Sucesións tomando en consideración as novas necesidades sociais. Aspectos como a tutela do testador, as posibilidades do dereito sucesorio como cauce idóneo de protección de discapacitados ou o crecente empuxe dos pactos sucesorios son algúns dos aspectos que se someterán a revisión. Tamén se prestará atención as particularidades deste eido dende o punto de vista do marco xeográfico pola necesidade de tomar conciencia da importancias das sucesións transfronteirizas, en particular no contexto comunitario, dada a diversidade de solucións dos distintos ordenamentos dos Estados membro. Programa Logo da inauguración oficial ás 10:00 horas, a xornada comezará cunha intervención da catedrática da Universidade de Valladolid, Teodora Torres, que reflexionará sobre a persoa incapacitada como herdeira. Deseguido, o catedrático da Autónoma de Madrid José Mª Miquel referirase á vontade do testador. A partir das 12:00 horas ‘Testamento e pluralidade de testamentos’ será o relatorio que presente Ana Cañizares, catedrática de Dereito Civil de Málaga, mentres que a profesora da USC Margarita Herrero falará sobre ‘Os pactos sucesorios no Código Civil: propostas de futuro’ que pechará a xornada matinal. Pola tarde, a partir das 16:30 horas, o profesor de Dereito Internacional Privada da Pompeu Fabra Albert Font proporá unha reflexión crítica sobre a proposta de regulamento comunitario en materia comunitaria, mentres que a profesora de ESADE da Universidade de Barcelona María Álvarez Torné falará sobre ‘Competencia xudicial internacional en materia de sucesións’. Para completar o programa, o profesor da Universidade de Lleida Josep Fontanellas falará sobre ‘As professio iuris sucesoria ás portas dunha reglamentación comunitaria’ e Nerea Magallón, da USC, referirase ao tema ‘O Dereito Interrexional español e a proposta europea sobre sucesións’. De Conflitu Legum O grupo De Conflictu Legum da USC existe dende o ano 2002, dirixido polo catedrático Santiago Álvarez González. Confórmano investigadores en Dereito Internacional Privado e Dereito civil que, xa con anterioridade á constitución do grupo, traballaban de forma articulada colaborando en proxectos de investigación, congresos, seminarios, cursos de verán e na publicación da colección de monografías De Conflictu Legum.

O labor investigador do grupo céntrase en múltiples campos, abarcando dende o Dereito de danos ata os aspectos xurídicos do xénero. Neste senso, unha das últimas liñas de investigación é, precisamente, a relación dos dereitos autonómico, estatal e europeo no campo das sucesións.

The contents of this page were updated on 11.11.2010.