Skip to main content

O mundo rural a debate na Politécnica Superior de Lugo

A USC organiza este mércores unha mesa redonda sobre a problemática arredor dos espazos protexidos

Achegar ao alumnado do Campus de Lugo á realidade rural galega actual dun xeito multidisciplinar e aplicando unha perspectiva baseada non tanto nos contidos académicos como na experiencia de distintos axentes ou colectivos vinculados a este ámbito é a finalidade das Xornadas ‘O Mundo Rural a Debate’.

Organizado dende a Escola Politécnica Superior, o encontro chega este ano á súa terceira edición promovido polos departamentos de Economía Aplicada e Historia Contemporánea. O eixo central da xornada será a mesa redonda ‘Novas funcións dos espazos rurais: a conflitividade arredor dos espazos protexidos’. A cita será este o mércores 17 a partir das 16:00 horas na Sala de Xuntas da EPS coa intervención do profesor Manuel A. Rodríguez Guitián, o responsable da asociación veciñal Pobos de Cervantes, Ramiro Martínez Carballosa, e o técnico da Consellaría de Medio Rural e enxeñeiro de montes, Xabier Bruña. Segundo os seus responsables, as xornadas pretenden modificar a imaxe negativa e pexorativa que parte da sociedade ten do rural e da agricultura, sobre todo co obxectivo de que os futuros profesionais que desenvolverán as súas tarefas neste medio muden certos conceptos trabucados. Por outra banda, a sociedade formula, cada vez máis- engaden os promotores do encontro-novas demandas a estes espazos das que os profesionais agrarios e forestais teñen que ser conscientes para un axeitado desempeño do seu traballo. Estas actividades están abertas ao público en xeral aínda que particularmente dirixidas ao alumnado e aos profesionais que traballan no medio rural. Este debate sobre o mundo rural terá continuidade nunha segunda quenda que se celebrará no segundo semestre do presente curso con tres novas mesas redondas.

The contents of this page were updated on 11.15.2010.