Skip to main content

O Nobel de Física Samuel Ting pecha este xoves a quinta edición do Programa Conciencia

A quinta edición da serie de visitas de figuras científicas de primeira orde do Programa ConCiencia porá o broche final esta semana coa presenza en Santiago do Premio Nobel de Física en 1976, Samuel Chao Chung Ting que, xunto con Burton Richter, viu premiado pola Academia sueca o seu traballo pioneiro no descubrimento “dun novo tipo de partícula elemental pesada”. O físico estadounidense manterá este xoves 11 un encontro cos medios de comunicación ás 11:00 horas na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca. Programa da visita Ting será recibido o xoves ás 10:30 horas polo reitor Juan Casares para, logo da rolda de prensa e un encontro co alcalde da cidade, trasladarse ás 12:45 horas á Facultade de Física para reunirse con estudantes e investigadores dese centro. Xa ás 20:00 horas no Centro Sociocultural da Fundación Caixa Galicia (Carreira do Conde, 18), pronunciará a conferencia ‘O AMS na Estación Espacial Internacional: un experimento para buscar o Universo de antimateria e as orixes da materia escura e radiación cósmica’, con tradución simultánea. Revolucionario Ting descubriu en 1974 a partícula J/psi, o primeiro estado composto formado por quarks e antiquarks pesados, revolucionando así a física de partículas por ser absolutamente inesperada a longa vida destes estados. Este Premio Nobel é un dos iniciadores dos grandes experimentos en física de partículas que coñecemos na actualidade. Realizou o experimento MARK J no acelerador PETRA de Hamburgo, onde se descubriu o gluón como partícula real e se tiveron os primeiros datos sobre a existencia do bosón Z a través da súa interferencia co fotón. Posteriormente dirixiu un dos catro experimentos do acelerador LEP no CERN, cunha significativa participación española, onde se puxo de manifesto a existencia de só tres xeracións de neutrinos lixeiros e se acadaron as cotas esencialmente vixentes na actualidade para a exclusión do bosón de Higgs, ao inicio do LHC. Desde principios dos 90 dirixiu o experimento espacial AMS dedicado á busca de antimateria no espazo exterior e cuxa segunda fase inclúe o seu lanzamento o próximo mes de febreiro desde o Kennedy Space Center no transbordador espacial Endeavour rumbo á Estación Espacial Internacional. Esa será a última misión da historia dos transbordadores espaciais que comezara en 1981 co Columbia. O Profesor Ting foi sempre un defensor da busca radical de novos avances en Física e da simplicidade intrínseca dos grandes descubrimentos, cultivando sempre a excelencia experimental.

The contents of this page were updated on 11.10.2010.