O Colexio Oficial de Físicos recoñécelle a Jorge Mira a Excelencia Profesional en Ciencias e Tecnoloxías Físicas
O Colexio Oficial de Físicos (Cofis) entregoulle este martes no Palacio de Congresos de Madrid a Jorge Mira o Premio de Recoñecemento á Excelencia Profesional en Ciencias e Tecnoloxías Físicas. Ao profesor da Área de Electromagnetismo na Facultade de Físicas da USC valóraselle así a súa traxectoria profesional e o seu esforzo persoal na divulgación científica. De feito, ademais de ser autor dunha obra científica de carácter didáctico, Mira é o responsable do Programa ConCiencia que trae á cidade a Premios Nobel e científicos de primeira liña. O galardón foille outorgado a outros nove físicos, a maioría procedentes do eido empresarial, sendo só o da USC o que contaba con perfil investigador. Con esta distinción colexial preténdese destacar a aqueles físicos que alcanzaran un nivel de excelencia en distintas modalidades do exercicio da profesión, como achegas á innovación tecnolóxica, actividade empresarial e emprendedora, fomento da cultura científica e tecnolóxica ou achegas á creación de modelos produtivos sustentables e intensivos en coñecemento, entre outros.
A acción conta co apoio da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) e permitirá dar a coñecer a achega dos físicos e físicas ao benestar socioeconómico e crear unha Rede de Profesionais que trasladen os seus coñecementos a estudantes e profesionais.