Skip to main content

Especialistas en economía estudan na USC o emprendemento na integración do mercado ibérico

‘Emprendemento na integración do mercado ibérico’ é o título da conferencia que este mércores 24 se desenvolverá en Ciencias Económicas da USC organizada pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal, o Instituto Camoes de Vigo e a propia Facultade. A xornada inaugurarase ás 10:00 horas no Salón de Graos da Facultade nun acto ao que está prevista a asistencia do reitor Juan casares Long; do conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra; do presidente do Consello Social da USC, Manuel Puga; do director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo; do director do Instituto Camoes, Samuel Rego; e do presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Antonio Fontenla. Deseguido comezará o primeiro dos paneis, dedicado ao emprendemento como motor de futuro. Nel interveñen o presidente do Consello da Universidade do Minho, Luís Braga da Cruz; o catedrático da Universidade de Vigo, Jorge González Gurriarán; e o profesor da USC David Rodeiro. Os tres analizarán a cooperación transfronteiriza entre España e Portugal, a crise e as medidas para afrontala e a creación de EBTs dende as universidades, os centros tecnolóxicos e as empresas. Xa ás 12:30 horas terá lugar o segundo e último panel, no que se presentarán casos de éxito no emprendemento en España e Portugal. Así, ademais dun relatorio da directora da Cátedra Bancaja Novos Emprendedores da USC, Loreto Fernández, coñeceranse as experiencias de BitOceans, premio á Iniciativa Empresarial Innovadora de Galicia, da Xunta e a USC; do Grupo Lágrimas Hotels & Emotions, considerado entre os 25 mellores hoteis e restaurantes do país pola Guía Expresso; de Imatia, gañador galego do Premio Empresa Nacional de Innovación que outorgan ENISA e La Caixa; e de Weadapt, gañador do Premio Nacional de Emprendemento Start promovido polo BPI, Optimus e a Universidade Nova de Lisboa.

A clausura correrá a cargo, ás 14:00 horas, da decana en funcións da Facultade anfitrioa, Emilia Vázquez Rozas, e da directora da GNP-AECT, Elvira Vieira.

The contents of this page were updated on 11.23.2010.