Skip to main content

O Campus de Excelencia Internacional da USC achega aos institutos galegos o traballo dos seus investigadores

O programa de visitas ao Campus de Excelencia Internacional comezou este xoves
O programa de visitas ao Campus de Excelencia Internacional comezou este xoves
A iniciativa forma parte da Semana da Ciencia 2010

“O Camiño da Ciencia, o Camiño da Vida” é unha iniciativa da USC que se enmarca na Semana da Ciencia 2010 co obxecto de achegar aos estudantes de secundaria e bacharelato de toda Galicia á realidade investigadora, coñecendo o traballo que se realiza nos centros de referencia do Campus de Excelencia Internacional, a aplicación práctica á saúde que teñen estas investigacións e a súa repercusión na sociedade. Na primeira quenda de visitas, programadas para este xoves e o venres, os alumnos comezaron o seu percorrido no Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares onde desenvolven o seu traballo 35 profesores e os seus equipos investigadores nunhas instalacións de primeiro nivel. A maior parte das liñas de investigación do centro dedícanse ao estudo químico dos procesos biolóxicos, ao desenvolvemento de novos métodos de síntese de fármacos e ao deseño de nanomateriais. A seguinte etapa estivo na Rede de Infraestruturas de Apoio á Investigación e ao Desenvolvemento Tecnolóxico (RIAIDT) onde se achegaron ás novas técnicas instrumentais de uso común na investigación como a difracción de raios X, resonancia magnética nuclear ou microcospía electrónica e confocal, entre outros. O percorrido continuou no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas, centro que desenvolve programas de investigación en áreas como a endocrinoloxía, neurociencias, oncoloxía, cardioloxía e reumatoloxía. Na Fundación IDICHUS, situada no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), os estudantes comprobaron o apoio que esta Fundación ofrece aos investigadores para unha adecuada xestión e desenvolvemento dos seus proxectos científicos. Por outra banda, na Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, tamén no CHUS, coñeceron como se realiza o estudo da estrutura e a función dos xenes a nivel molecular para determinar a herdanza xenética que se transmite de xeración en xeración. A visita rematou no edificio Emprendia, espazo pensado para axudar aos emprendedores nos primeiros pasos da vida das súas empresas. Neste edificio traballan conxuntamente a Universidade e a empresa para facilitar a entrada dos proxectos innovadores no sector empresarial. “O Camiño da Ciencia, o Camiño da Vida” animou aos máis novos a apostar pola investigación,ensinándolles os beneficios que reporta á sociedade.

The contents of this page were updated on 11.25.2010.