Un congreso analizará os aspectos legais da piratería nas costas somalís
A Área de Dereito Procesual da USC e a Academia Galega de Seguridade Pública organizarán a finais desta semana, os días 14 e 15, un congreso dedicado á persecución dos actos de piratería nas costas somalís. O programa contará coas intervencións de representantes da Audiencia Nacional, da Conferencia de Ministros de Xustiza dos Países Iberoamericanos, do Tribunal Supremo ou do Centro de Estudios de Derecho Internacional Humanitario e Cruz Roja, entre outros.
As persoas interesadas aínda poden matricularse podendo validar a asistencia ao congreso por un crédito de libre configuración. O encontro desenvolverase integramente na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), na Estrada, polo que os matriculados disporán de autobuses gratis dende Santiago de Compostela. Ademais, a Academia ofrecerá servizo de comedor.
Para acadar máis información así como para realizar a matrícula, o congreso conta coa páxina web http://www.iustitiaomnibus.org. Dirixen este encontro a profesora Raquel Castillejo Manzanares e José Carlos García Bouzas, director da AGASP.