Arranca en Dereito o máster en Mediación
A formación de profesionais con dominio nas técnicas de mediación nos diferentes ámbitos nos que se poida xerar un conflito é o obxectivo do máster en Mediación que este venres 5 inaugurará o reitor Juan Casares. O acto inaugural desenvolverase a partir das 19:30 horas no Salón de Graos da Facultade de Dereito contando ademais coa presenza do director xeral de Xustiza, Juan José Martín; o decano de Dereito, Luís Míguez; e a directora do Máster, Raquel Castillejo. A mediación preséntase na actualidade como unha forma de resolución do conflito alternativa á xurisdición, a través da que as partes chegan por si mesmas a unha solución coa axuda dun mediador quen, coa súa formación, ofrece novas vías de diálogo e entendemento. Entre as características principais da mediación atópanse a voluntariedade e a igualdade entre as partes, podéndose acceder a ela de forma autónoma respecto da xurisdición así como unha vez suscitado conflito ante a xurisdición. De novembro a xullo de 2011, o alumnado recibirá formación en técnicas de negociación e mediación, así como nas relativas á avaliación dos conflitos e ás actitudes persoais.