Skip to main content

Berrogüetto presenta este xoves en Lugo o seu novo traballo discográfico, Kosmogonías

A recadación do concerto destinarase ao proxecto da Casa Museo do poeta Manuel María

Berrogüetto presentará este xoves 20 en Lugo o seu quinto traballo discográfico, Kosmogonías, nun concerto que comezará ás 21:00 horas no Auditorio Gustavo Freire.
O grupo destinará a recadación deste recital á Fundación Manuel María de Estudos Galegos, co fin de contribuír á compra da casa natal do poeta en Outeiro de Rei para convertela na Casa Museo que dea acollida ao seu legado. As entradas, con prezos dende os seis aos doce euros, pódense adquirir na Oficina de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo ou no despacho de localidades do auditorio o mesmo día do concerto.
Esta actuación enmárcase no programa da terceira edición do ciclo Lubicán, organizado ao amparo do convenio Lugo Cultural co obxectivo de achegar ao público a música feita por grupos galegos de diferentes estilos e con diversas formacións.
KosmogoníasO grupo Berrogüetto caracterízase por mesturar a súa paixón pola música tradicional galega coa experimentación máis contemporánea, un estilo que o levou a se converter nunha das bandas máis importantes da escena musical mundial.
O seu último dísco, Kosmogonías, é unha síntese de música, filosofía e ecoloxía que leva ao ouvinte ao momento de partida por excelencia, ao Big Band, ao triunfo da materia sobre a antimateria. Este traballo é unha reflexión entre a humanidade e o universo, unha chamada chea de optimismo cara á consecución dun sistema de organización máis xusto.
O Berrogüetto actual fórmano Anxo Pintos, Guillermo Fernández, Isaac Palacín, Quico Comesaña, Quim Farinha, Santiago Cribeiro e Xabier Díaz.

The contents of this page were updated on 05.19.2010.