A USC innova con Almodóvar na didáctica do español para estranxeiros
O filme ‘Todo sobre mi madre’, de Pedro Almodóvar, inaugura a nova colección Cuadernos de Español como Lengua Extranjera (ELE) coa que a USC se introduce de xeito innovador no eido do ensino da lingua española a estranxeiros. Trátase dunha nova proposta, dinámica e atractiva tanto nos aspectos metodolóxicos como didácticos, formulada de xeito pioneiro no contexto universitario.
Precisamente o carácter innovador da proposta levou tanto ao director do filme como á produtora El Deseo S.A. a autorizar, “con xenerosidade e espírito de colaboración”, o uso da cinta, algo polo que a USC, a través do seu Servizo de Publicacións, “quere enfatizar o seu agradecemento”. A produtora de Almodóvar, pola súa banda, manifestou tamén a súa gran satisfacción polo resultado final da edición e pola colaboración coa Universidade de Santiago.
O primeiro volume presentado é da autoría das profesoras M. Carmen Losada Aldrey e Rita Martín Sánchez. Editado polo Servizo de Publicacións dentro do seu selo de calidade USC Editora coa colaboración do Centro de Linguas Modernas e Cursos Internacionais da USC, o volume apoia as actividades de aprendizaxe co filme ‘Todo sobre mi madre’ (1999) de Pedro Almodóvar, incluíndo o DVD co caderno didáctico.
Deste xeito, aproveitando unha actividade común nas aulas de ELE como é o uso e comentario de películas españolas para a ilustración de aspectos lingüísticos, culturais e históricos, os expertos da USC manexan esta técnica didáctica chegando ata un punto non empregado antes. Tanto o seu enfoque orixinal como o práctico, non só para o alumno senón polas múltiples posibilidades que lle ofrece ao docente, converten a publicación nun material de enorme utilidade e atractivo. Canto máis cando a referencia, Todo sobre mi madre, é o filme máis galardoado do cine español.
A colecciónOs volumes que compoñen a colección, á venda nas dependencias da USC, propoñen actividades prácticas e interactivas consonte ás directrices máis actuais e rigorosas do Consello de Europa e do Instituto Cervantes, pensadas para usuarios de español dos niveis soleira (B1) e avanzado (B2).
No vindeiro volume o cine dará paso á música como elemento didáctico, e a este seguiranlle outros números dedicados á fonoloxía, fraseoloxía... e demais aspectos do ensino de linguas a estranxeiros.