Skip to main content

Os estudantes da segunda promoción de Estalmat-Galicia reciben este sábado os seus diplomas en Santiago

O 5 de xuño desenvolveranse as probas de selección para participar na nova edición deste programa de estímulo do talento matemático

Os vintecinco estudantes de 13 e 14 anos que compoñen a segunda promoción do Proxecto Estalmat-Galicia para o estímulo do talento matemático celebran este sábado 22 de maio o seu acto de despedida nunha xornada que comezará ás 10:30 horas cunha visita ao supercomputador ‘Finisterrae’ do Centro de Supercomputación de Galicia dirixida polo seu director, Javier García Tobío. A técnico de proxectos e o xefe do Departamento de Comunicación do CESGA, Teresa Sánchez e Fernando Bouzas, explicarán aos alumnos para qué serve a computación e o traballo que se desenvolve no centro.
A continuación, sobre as 12:30 horas, comezará na Aula Magna da Facultade de Matemáticas o acto oficial de clausura do proxecto presidido polo seu responsable, o catedrático de matemática aplicada e vicerreitor de Profesorado e Organización Académica da USC Juan Viaño. Intervirán a coordinadora académica do proxecto, Mercedes Fijoo; a responsable da relación coas familias, Covadonga Rodríguez; a decana da Facultade de Matemáticas, Victoria Otero; e representantes da Real Academica de Ciencias Exactas, dos patrocinadores fundamentais do programa (Fundación Vodafone-España, Centro Superior de Investigacións Científicas e Deputación da Coruña), do equipo docente e das familias dos estudantes. Para rematar, os propios alumnos farán un repaso polas experiencias destes dous anos que pasaron no proxecto e recibirán os seus diplomas e becas.
Estalmat-GaliciaOs vintecinco mozos e mozas da segunda promoción de Estalmat-Galicia foron seleccionados polas súas aptitudes matemáticas avanzadas entre un total de 212 estudantes de 12 e 13 anos que participaron nas probas realizadas no ano 2008. Deste grupo, oito son da provincia da Coruña, outros oito de Pontevedra, cinco de Lugo e catro de Ourense.
Os alumnos asistiron durante dous anos ás actividades do proxecto adaptadas ao estímulo e o desenvolvemento do seu talento matemático que un equipo docente de vintecinco profesores impartiu na Facultade de Matemáticas da USC nas mañás dos sábados. Estes cursos inícianse cun campamento matemático e, ademais das clases, contan con xornadas virtuais e concursos matemáticos conxuntos con proxectos Estalmat doutras comunidades autónomas.
A partir de agora estes estudantes participarán no Estalmat-Galicia Pi, que consta de tres sesións anuais que se desenvolven ao longo doutros dous anos na provincia de Lugo.
Nova selecciónAs probas de selección da convocatoria deste ano do proxecto Estalmat-Galicia desenvolveranse o vindeiro 5 de xuño na Facultade de Matemáticas.
Estas probas diríxense aos estudantes nacidos nos anos 1997 ou 1998 que amosen certa destreza e gusto polas matemáticas. Os interesados en asistir poden inscribirse ata o vindeiro 30 de maio.

The contents of this page were updated on 05.21.2010.