Skip to main content

Filólogos de Europa e América especializados en literatura medieval reúnense na USC

Debater sobre os problemas cos que se atopan os filólogos no seu traballo cotián e presentar resultados prácticos de investigacións filolóxicas que levaron a cabo especialistas en diferentes ámbitos científicos son algúns dos obxectivos do Congreso Internacional ‘O texto medieval: da edición á interpretación’ que se desenvolverá no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía este martes 25 e o mércores 26.
Este encontro, organizado pola Área de Filoloxía Románica do Departamento de Filoloxía Galega, diríxese a investigadores, docentes e estudantes das diferentes filoloxías románicas, profesores de ensino secundario e a calquera persoa interesada nos estudos da crítica textual e literatura medieval.
Unha vintena de filólogos e investigadores de universidades españolas, francesas, italianas e americanas participarán neste congreso con relatorios nos que analizarán a relación entre dous momentos fundamentais da labor filolóxica dos textos literarios, como son o traballo de edición e a actividade esexética que del se deriva. Neste senso, abordaranse as últimas propostas metodolóxicas no eido da ecdótica ou as achegas que se realizan dende os estudos da crítica textual, da tradición manuscrita, da lingüística e da historia literaria.
O programa, que se desenvolverá no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía, arrancará este martes a partir das 12:30 co acto de inauguración. A conferencia inaugural, prevista para as 13:00 horas, corresponderalle a Cesare Segre. A quenda de intervencións continuará pola tarde, a partir das 16:30 horas.

The contents of this page were updated on 05.24.2010.