Skip to main content

A USC colabora no desenvolvemento dun software para avaliar o rendemento dos computadores

UOMS desenvolveuse no marco dun proxecto participado por CESGA,
HP, USC e UDC para mellora da linguaxe de programación paralela UPC

Un equipo de investigadores do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), do Grupo de Arquitectura de Computadores da Universidade de Santiago de Compostela e do Grupo de Arquitectura de Computadores da Universidade da Coruña desenvolveu a primeira suite de microbenchmarking para a linguaxe de programación paralela Unified Paralle l C (UPC ) .
O software, bautizado como UPC Operations Microbenchmarking Suite (UOMS), será liberado para o seu uso pola comunidade investigadora e servirá como banco de probas para comprobar o rendemento das implementacións da linguaxe UPC. A nova ferramenta permite aos avaliadores comprobar o rendemento da execución dunha serie de operacións para unha ampla gama de tamaños de problema e para configuracións de sistemas actuais e futuros.
Este código é un desenvolvemento que forma parte do proxecto ‘Improving UPC Usability and Performance in Constellation Systems: Implementation/Extensions of UPC Libraries’ no que colaboran o propio CESGA, Hewlett-Packard e as Universidades de Santiago e A Coruña.
O traballo introduce unha suite que pretende cubrir a falta de ferramentas para avaliación de implementacións de compiladores da linguaxe UPC. As linguaxes PGAS (Partitioned Global Address Space) como UPC, debido á súa xuventude, carecen dalgunhas ferramentas e librarías necesarias. Así, UOMS aborda esa falla. Co desenvolvemento e liberación de UOMS a linguaxe UPC está preparada para afrontar o próximo paso na súa evolución.
Linguaxes cada vez máis importantesOs paradigmas tradicionais son cada vez menos prácticos para a programación das actuais plataformas de HPC. A introdución de sistemas de varios núcleos representa un cambio de arquitectura significativo no que as formas habituais de paso de mensaxes non encaixan de forma natural. Por iso está a aumentar o interese por novas linguaxes que sexan capaces de superar a complexidade e os problemas de programación das actuais bibliotecas e linguaxes paralelas. É por esta razón que as linguaxes PGAS, e en particular o UPC, son cada vez máis importantes na programación paralela actual. Tanto é así que a industria está a desenvolver as súas propias implementacións, e a investigación académica proporciona varios compiladores e "runtimes" de código aberto a desenvolvedores de todo o mundo.
O código liberado presentarase no International Supercomputing Conference 2010, a conferencia de maior prestixio en Europa neste campo, que se celebra o próximo mes de xuño en Hamburgo, e está dispoñible na web upc.cesga.es.

The contents of this page were updated on 05.28.2010.