A carreira 'Dez quilómetros universitarios da USC' reunirá este domingo en Lugo a máis de 150 afeccionados ao deporte
Máis de cento cincuenta persoas participarán este domingo 30 na carreira ‘Dez quilómetros universitarios da USC’ que se celebrará por primeira vez en Lugo.
Este evento deportivo, organizado polo Servizo de Deportes da USC no campus lugués en colaboración co Concello de Lugo e a Deputación Provincial, encádrase na Liga Universitaria de carreiras en ruta de dez quilómetros que este ano xa celebrou probas nos campus de Vigo e Ferrol.
A probaA carreira ‘Dez quilómetros universitarios da USC-Lugo’ desenvolverase a partir das 12:00 horas deste domingo nas inmediacións do recinto feiral e do Parque do Miño, onde atletas e afeccionados ao deporte terán que dar tres voltas a un circuíto de herba, asfalto e terra ata completar os dez mil metros que compoñen a proba.
Ao remate da carreira, sobre as 12:45 horas na propia meta, farase entrega dos premios e trofeos aos tres primeiros clasificados de cada sexo na clasificación xeral, e aos primeiros de cada sexo nas categorías de maiores de 35 anos e universitarios. Á entrega asistirán a vicerreitora adxunta de Infraestruturas e Servizos da USC, Marta Miranda; o director da Área de Deportes, Mariano García Verdugo; o vicepresidente primeiro da Deputación Provincial, Antón Bao, e o concelleiro de Deportes do Concello de Lugo, José Manuel Díaz Grandío.
A celebración desta proba ven completar a oferta deportiva da capital luguesa, que conta con citas moi asentadas no calendario do deporte galego como é o caso das carreiras populares ‘Lugo Monumental’ ou ‘Corre con nós’.