Skip to main content

O Nobel de Química en 1996, Harold Walter Kroto, fala en Santiago de ciencia e sustentabilidade

Kroto, acompañado de Jorge Mira, reuniuse con persoal investigador da USC  no CEA
Kroto, acompañado de Jorge Mira, reuniuse con persoal investigador da USC no CEA
Kroto descubriu unha forma nova de carbono con estrutura esférica que impulsou o desenvolvemento da nanociencia

O Nobel de Química en 1996, Harold W. Kroto (Inglaterra, 1939), achégase esta semana a Compostela para participar no V Programa ConCiencia que organizan a USC e o Consorcio de Santiago, esta vez co apoio de Xacobeo 2010. O profesor inglés recibiu o galardón da academia sueca -xunto con Robert Curl Jr. e Richard Smalley- polo descubrimento dos fullerenos, unha forma nova de carbono con estrutura esférica que impulsou o desenvolvemento da nanociencia.
Kroto ofrecerá este xoves 27, ás 20:00 horas no Centro Sociocultural da Fundación Caixa Galicia (Carreira do Conde, 18), a conferencia Ciencia, sociedade e sustentabilidade’ que disporá de tradución simultánea e se poderá seguir por videoconferencia dende a Sala de Prensa da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo. Ademais, este mércores, como acontece sempre co Programa ConCiencia, reuniuse con persoal investigador galego.
Nun encontro cos medios de comunicación, Kroto fixo fincapé na responsabilidade dos científicos á hora de divulgar ciencia, “mais non todos deben estar nesa liña”, matizou. O que si lle parece “vital” hoxe é a educación, “a única maneira de resolver os problemas masivos do mundo”. Puxo como exemplo o verquido de BP no Golfo de México, que “deixa de ser un problema dos Estados Unidos para convertese nun asunto de orde mundial, que necesita dunha implicación masiva”. E iso, apuntou, “só se consigue cunha boa educación das novas xeracións, que deberán sentar arredor dunha mesa única para resolver os conflitos, como agora están a facer os científicos en temas como o quecemento global”.
Os fullerenosO coñecemento dos fullerenos, que representan a terceira forma estable do carbono (as outras dúas corresponden á presentación tradicional do carbón ou grafito e ao diamante), abriu todo un campo de posibles aplicacións na elaboración de novos tipos de polímeros, supercondutores, estruturas con metais ou con outros átomos atrapados dentro destes agrupamentos de carbono, así como novos catalizadores, produtos farmacéuticos e posibles usos industriais; en definitiva, na área dos novos materiais. Todo isto podería concretarse no futuro, por exemplo, nun material cen veces máis duro que o aceiro pero seis veces menos pesado, en células solares moi baratas para captación de enerxía, “o que elevará moitísimo a produción eléctrica”, dixo, e incluso en supercomputadoras que poderían cargarse nun reloxo de pulseira.
Agora ben, o propio Nobel explica que aínda que o descubrimento dos fullerenos facilitou a comprensión dalgunhas nanoestruturas, faltan décadas para que se xeneralice a aplicación deste tipo de materiais. “É posible, mais non sei se seremos capaces”, matizou.
Harold W. KrotoHarold W. Kroto obtivo a licenciatura e o doutoramento en Química na Universidad de Sheffield na década dos 60. Tras tres anos de investigación posdoutoral en Canadá e Estados Unidos, Kroto incorporouse á Universidade de Sussex (Reino Unido), onde foi nomeado catedrático en 1985. Na actualidade é profesor na Universidade Estatal de Florida (EE.UU.).
ActivistaO Nobel é tamén un activista na defensa dos dereitos humanos e do medio ambiente, ademais de avogar nas súas comparecencias públicas por unha divulgación rigorosa da ciencia. Nesa ansia, en 1995 fundou, xunto ao produtor da BBC Patrick Reams, Vega Science Trust, co propósito de crear películas científicas de alta calidade para a televisión por cable que no só reflictan a excitación dos descubrimentos, senón tamén os conceptos intrínsecos e principios sen os que a súa comprensión sería imposible.

The contents of this page were updated on 08.20.2021.