Skip to main content

As xornadas interxeracionais inician a súa sexta edición

Por sexto ano, as xornadas interxeracionais rurais seguirán traballando na construción dun espazo de reflexión e debate arredor do tema ‘Aprendendo cos nosos maiores’. O encontro, que comeza este sábado 29 no concello de Xermade continuará desenvolvéndose os próximos 5 e 12 de xuño na mesma localidade.
As xornadas están dirixidas fundamentalmente aos maiores ofrecéndolles charlas, presentacións de ofertas de programas, visitas e festas culturais. Non obstante terá unha especial importancia a interacción cos máis novos a través do desenvolvemento de traballos conxuntos, facilitando así a transmisión de coñecementos duns a outros.
O programa deste sábado comezará cunha charla a cargo do cura de Xestoso, Luís Rodríguez Patiño, sobre o papel dos maiores no século XXI, continuando coa artesá Clara Naseiro que se referirá á cultura da talle de madeira na Terra Chá e á recuperación deste oficio. A intervención dará paso á inauguración dunha mostra de tallas de madeira.
Pola tarde, a partir das 16:00 horas, Salvador Bará pronunciará o relatorio ‘As estrelas e nós’, ao que lle seguirán as VI Xornadas Charegas do Xogo Popular e Tradicional, incluíndo un obradoiro sobre xoguetes tradicionais que coordina Manuel García. O programa desta primeira xornada rematará cun taller de astronomía que se vai celebrar na praza da parroquia.
Nas dúas xornadas posteriores está prevista a participación dos profesores da USC Mar Lorenzo e Miguel A. Santos Rego, así como representantes das asociacións galegas de Lupus e Fibromialxia ou do Servizo de Reumatoloxía do Xeral-Calde. Estas intervencións complementaranse con diversas visitas e outras actividades de natureza cultural.
Para máis información, visitar a web: http://www.nova-escola-galega.org/almacen/documentos/Cabreiros.pdf.

The contents of this page were updated on 05.28.2010.