Skip to main content

A asemblea da Fepale abre vías de intercambio co sector leiteiro de Latinoamérica

Os empresarios, investigadores e representantes de institucións vinculadas ao sector lácteo español que participaron na recente Asemblea da Federación Panamericana de Leitería celebrada en Lugo e organizada pola Aula de Produtos Lácteos da USC ven posibilidades para o sector no mercado latinoamericano. O responsable do Centro Tecnolóxico Lácteo de Galicia-Aula de Produtos Lácteos, Juan Méndez, destacou o interese que a industria americana espertou nos empresarios españois, que viron unha “ complementariedade entre as empresas de aquí e as latinoamericanas, polo que cren que España ten un importante papel que xogar en América”. Do conxunto de actividades realizadas arredor da asemblea, Méndez valora especialmente o intercambio de información que tivo lugar estes días entre industrias e produtores españois e latinoamericanos. Por outra parte, a proliferación da marca branca no mercado estatal foi un dos aspectos que máis chamaron a atención dos participantes do continente americano, ao tratarse dun produto practicamente inexistente nestes países. Estes encontros celebrados a pasada semana en Lugo supoñen un intercambio de coñecementos que permitirá materializar proxectos de futuro, segundo sosteñen os organizadores. Por outra banda tamén serviron para tocar aspectos de relevancia no ámbito europeo. O responsable da unidade de produtos gandeiros da Comisión Europea, Juan Luis Fernández, comunicou que no mes de decembro este organismo avanzará a futura política que se seguirá dende o mercado común unha vez desapareza o sistema de cota láctea.

A asemblea da Fepale conseguiu reunir en Lugo a responsables da industria leiteira de 16 países con gran capacidade de decisión no sector. Trátase dunha organización que está integrada por institucións e empresas relacionadas co mercado leiteiro americano, pero que tamén conta entre os seus integrantes con socios de Australia, Dinamarca, España e Holanda. O Centro Tecnolóxico Lácteo- Aula de Produtos Lácteos da USC representa a Galicia dentro desta federación e colabora con ela en varias actividades de formación profesional e intercambio en materia de I+D+I. A vindeira asemblea terá lugar en Uruguai despois de vinte anos de terse celebrado a primeira nese mesmo país.

The contents of this page were updated on 11.02.2010.