Skip to main content

Preséntase na Biblioteca Pública de Santiago o libro 'Economía Pesqueira. Achegas desde un curso universitario'

A profesora da USC María do Carme García-Negro presenta este martes 4, ás 19.30 horas na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, o libro ‘Economía Pesqueira. Achegas desde un curso universitario’que ela coordina. No acto participarán ademais a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellaría do Mar, Susana Rodríguez Carballo; o profesor do Departamento de Bioquímica e Bioloxía Molecular, Manuel Rey Méndez; e o profesor de Economía Aplicada, Gonzalo Rodríguez Rodríguez.
O libro, editado por Sotelo Blanco, nace para ofrecer un instrumento de análise non só para alumnos de economía senón tamén para un amplo público conformado por profesionais, licenciados ou enxeñeiros en distintas áreas e actividades que traballen no desenvolvemento e xestión das actividades dos recursos da pesca e o seu entorno ambiental. Así mesmo, os interesados na xestión pública ou privada destas actividades poderán utilizar a ferramenta como apoio ás decisións que afecten ao sector.
Este volume presenta unha colección de estudos realizados por distintos investigadores e investigadoras adscritos a universidades, persoal do CSIC, do Instituto Español de Oceanografía, de centros de investigación de importantes grupos empresariais, membros da Administración autonómica galega, do Laboratorio Europeo de Referencia de Biotoxinas Mariñas, ao MMARM, a institucións portuarias e a organizacións pesqueiras. É o resultado do esforzo conxunto dos autores e da propia editorial así como do vocación divulgadora do Grupo de Investigación en Economía Pesqueira da Universidade de Santiago.
O substrato físico-biolóxico da pesca, a sustentabilidade dos recursos pesqueiros, un exame da pesca como sector de actividade económica e as características estruturais do sector pesqueiro galego, os traballadores do mar en Galicia, en especial o papel desenvolvido polas mulleres, a investigación, desenvolvemento e innovación, as estratexias de comercialización dos produtos pesqueiros, a seguridade alimentaria, o proceso de nacionalización dos mares, o obxecto e actividade das sociedades mixtas e os principais aspectos da dimensión institucional da pesca na política pesqueira comunitaria, constitúen o tema dos dez capítulos que configuran este traballo.

The contents of this page were updated on 05.03.2010.