Skip to main content

Científicos da USC descobren que as hormonas implicadas na regulación do apetito inflúen na recuperación de peso tras unha dieta

Investigadores da Universidade de Santiago e do Centro de Investigación Biomédica en Red-Fisiopatología da Obesidade e a Nutrición, pertencentes ao grupo de Endocrinoloxía Molecular e Celular do CHUS que coordina o profesor Felipe F. Casanueva, en colaboración co Departamento de Ciencias da Alimentación, Fisioloxía e Toxicoloxía da Universidade de Navarra dirixido por Alfredo Martínez, avanzan na busca de novas vías de tratamento para combater a obesidade a través da identificación dos factores diferenciais entre pacientes. Os científicos da USC descubriron que as hormonas implicadas de forma oposta na regulación do comportamento alimentario, como a grelina (proteína sintetizada polo duodeno e o estómago, que esperta a sensación de apetito) e a leptina (producida polo tecido adiposo, inhibe as gañas de comer), inflúen na recuperación de peso dalgúns pacientes sometidos a réximes de adelgazamento baseados en programas dietéticos hipocalóricos. O estudio publicouse no número de agosto de The Journal of Clinical Endocrinology & Metabolism, revista de referencia internacional para o mundo da endocrinoloxía e o metabolismo. Adelgazamento yo-yo Como apunta a autora principal do artigo, Ana Belén Crujeiras, “endocrinólogos e nutricionistas atópanse moitas veces na súas consulta con pacientes que tras seguir un programa de perda de peso nun período curto de tempo recuperan os quilos perdidos ou incluso gañan máis peso do que tiñan, é dicir, experimentan un efecto rebote ou “yo-yo” da dieta”. Sen embargo este resultado non se daría igual en todos os pacientes, de forma que uns mostran maior predisposición que outros para volver a gañar peso e, polo tanto, son máis resistentes aos beneficios adquiridos durante o programa dietético ao que se someteran. O estudo desenvolveuse entre unha mostra representativa composta por un total de 104 persoas con sobrepeso (49 mulleres e 55 homes) aos que se lles someteu a unha dieta hipocalórica durante un período de oito semanas observándose a súa evolución ao longo das 32 semanas posteriores a través da análise dos niveis de grelina, leptina e insulina no plasma sanguíneo. Da investigación concluíuse que a resposta ao tratamento estaba predeterminada por características propias de cada paciente. Dietas a medida A clave para identificar a este tipo de pacientes máis propensos a engordar, descoñecida ata o momento, estaría nos niveles de hormonas reguladoras do apetito. Así, evidenciouse que os suxeitos con niveis plasmáticos altos de leptina e baixos de grelina son máis propensos a recuperar os quilos perdidos. Segundo Ana B. Crujeiras, coñecendo entón estes niveis “poderíase adecuar a dieta a cada caso para garantir o éxito do seu resultado e evitar que se recupere peso, o que abre a porta a novas dianas terapéuticas para loitar contra a obesidade”.

The contents of this page were updated on 09.08.2010.