Skip to main content

O reitor Casares Long inaugurou a cuarta edición do proxecto Estalmat-Galicia

Nas probas de seleccionadas celebradas no mes de xuño na Facultade participaron 337 estudantes de toda Galicia
Nas probas de seleccionadas celebradas no mes de xuño na Facultade participaron 337 estudantes de toda Galicia
Foi na Facultade de Matemáticas e participan 25 rapaces con talento matemático de 12 e 13 anos

A Aula Magna da Facultade de Matemáticas volve abrir as súas portas a unha nova quenda do Proxecto Estalmat de Estímulo do Talento en Matemáticas en rapaces de 12 e 13 anos. Participou un grupo de 25 estudantes, acompañados dos seus respectivos familiares, que logo do acto inaugural presidido polo reitor Juan Casares partiu cara a un campamento matemático para realizar a primeira etapa do programa durante a fin de semana en Abegondo-Sada, o que supón unha toma de contacto entre os participantes nun ambiente lúdico-matemático.

Na sesión inaugural acompañaron ao reitor o director de Estalmat-España, o académico Amable Liñan; a decana da Facultade de Matemáticas, Mª Victoria Otero Espinar; o presidente do comité organizador, Juan Viaño; e o coordinador académico de Estalmat-Galicia, Victor Pollán; ademais dos representantes dos patrocinadores principais de ESTALMAT-Galicia, José de Santiago, da Fundación Vodafone-España, e Bernardino Rama, da Deputación Provincial da Coruña.

Os 25 estudantes participantes nesta edición son de Foz (1), Monforte de Lemos (1), Ourense (2), Cambados (1), Cangas (1), Poio (1), Pontevedra (1), Vigo (5), Vilagarcía de Arousa (1), A Coruña (1), Boiro (1), Carral (1), Laracha (1), Miño (1), Ordes (1) e Santiago de Compostela ((5).

Representantes do comité organizador e do equipo docente, todos eles profesores de matemáticas de amplo historial no ámbito do ensino secundario e universitario, recibiron aos 25 estudantes seleccionados o pasado mes de xuño na proba celebrada na Facultade de Matemáticas á que acudiron 337 estudantes de toda Galicia nacidos en 1997 e 1998. Os participantes, 219 rapaces e 118 rapazas, procedían na súa maioría das provincias da Coruña (181) e Pontevedra (117), seguidas das de Lugo (28) e Ourense (11), tanto do ensino público (223) como do privado (114). Por provincias, 10 dos seleccionados proceden de Coruña, 2 de Lugo, outros 2 de Ourense e de Pontevedra 11.

Dende a súa implantación, ESTALMAT-Galicia examinou na Facultade compostelá a máis de 800 estudantes con grande interese polas matemáticas e seleccionou a 100 talentos matemáticos para incorporar ás súas actividades.

Programa Durante o curso os estudantes seguirán un programa especial de estímulo do talento matemático baixo as directrices do Proxecto ESTALMAT-España, que dende o ano 1998 vén implantándose en distintas comunidades como Madrid, Cataluña, Castela e León, Andalucía, Canarias, Valencia e Cantabria. Trátase de detectar e prestar atención a nenos e nenas con talento que, en moitos casos, poden quedar desatendidos nas esferas normais do ensino e da familia. As actividades terán lugar na Facultade de Matemáticas nas mañás de vinte sábados deste curso académico. De xeito paralelo, o vindeiro día 2 de outubro comezarán as actividades dos 25 alumnos do 2º ano da promoción 2009-2011. Asimesmo, Estalmat-Galicia mantén o programa Estalmat Pi, dirixido a manter o contacto dous anos mais cos alumnos que remataron o seu paso por Estalmat. Serán en total 3 sábados no curso, con actividades a celebrar en Lugo. O Proxecto ESTALMAT-España está avalado cientificamente pola Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales e conta co apoio financeiro da Fundación Vodafone-España, do Proxecto Ingenio-Mathematica do Programa Consolider e do CSIC. O Proxecto ESTALMAT-Galicia, pilotado pola Facultade de Matemáticas da USC, ademais de participar destas axudas, conta cun financiamento específico das Deputacións da Coruña e Lugo. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden dirixirse á páxina web do Proxecto http://www.estalmatgalicia.com.

The contents of this page were updated on 09.17.2010.