Un profesor da USC gaña o Premio Yamamoto da Sociedade Xaponesa Internacional de Investigación Pesqueira
O profesor da USC Sebastián Villasante acaba de recibir o Premio Yamamoto que outorga a Japanese International Fisheries Research Society. O galardón compárteo co profesor Rashid Sumaila, director do Fisheries Centre da Universidade de British Columbia (Canadá). A estes dous expertos recoñéceselles polo traballo ‘Linking environmental economics, game theory and fisheries’ presentado en xullo pasado no marco da Reunión Anual da Asociación de Economistas Pesqueiros en Montpellier (Francia). Os autores empregaron a teoría de xogos coa finalidade de estimar os beneficios económicos para as empresas pesqueiras que traballan nas Illas Malvinas (Falklands) e en Arxentina na comercialización de lura, baixo un escenario de cooperación e un escenario non cooperativo. Os resultados indican que se as empresas pesqueiras alcanzasen algún tipo de acordo entre elas os seus beneficios económicos serían superiores aos que se xeran actuando como ata agora. Isto repercutiría non só nunha mellora da planificación da actividade empresarial senón tamén na propia dimensión e característica da toma de decisións interna das empresas. Ademais, indica Villasante, os beneficios económicos resultantes dun marco de cooperación axudarían a “reducir o nivel de incerteza do contexto global do comercio de produtos pesqueiros no que operan estas empresas”. O autor Sebastian Villasante é profesor da área da economía e da empresa do Departamento de Organización de Empresas e Comercialización, especialista no sector pesqueiro, consultor das Nacións Unidas, da Swedish Agency for Cooperation Development, do Canadian International Development Research Center, do Ministerio de Ciencia y Tecnología (España) e do Instituto Nacional de Investigación y Desarrollo Pesquero (Argentina). É membro ademais da American Fisheries Society, a International Society of Ecological Economics, do International Institute of Fisheries Economics and Trade e da European Association of Environmental and Resources Economics.