A USC, a Consellaría de Traballo e a Fundación Caixa Galicia axuntan esforzos no estudo da planificación e a xestión dos servizos sociais

A USC, a Consellaría de Traballo e a Fundación Caixa Galicia – Claudio San Martín sumarán esforzos para o desenvolvemento de accións de estudo e investigación no ámbito da planificación e a xestión dos servizos sociais. Este é o obxecto dun convenio de colaboración asinado protocolariamente este xoves 9 en San Caetano entre o reitor Juan Casares, a conselleira Beatriz Mato e a directora da Fundación Teresa Porto. A colaboración na que terá especial protagonismo o Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) fomentará a investigación orientándoa á fixación e análise de indicadores que permitan afondar no coñecemento da realidade socioeconómica e territorial de Galicia no campo dos servizos sociais. O traballo centrarase de xeito particular na análise dos aspectos relativos á mellora da calidade, eficacia e eficiencia na prestacións dos servizos de atención ás persoas maiores, persoas con discapacidade e/ou dependencia, de atención aos nenos de tres anos e demais servizos sociais comunitarios e especializados. Para o seu desenvolvemento, o convenio contempla unha serie de accións a acometer e que arroxarán como resultados a elaboración de bases de datos, a determinación e actualización automatizada de ratios de cobertura do servizos sociais existentes, a elaboración de informes xerais territorializados ou o fomento de reunións e comités de expertos.
O estudo do impacto social e económico da incorporación de novos servizos en zonas xeográficas concretas ou da evolución dos resultados que se vaian acadando en relación co planeamento dos servizos nas perspectivas sociais e económicas e económicas, serán outros dos resultados do traballo a desenvolver.