Os profesionais do sector agrario galego contan cun novo material de referencia en prevención de riscos elaborado por un equipo da USC
Este xoves 16 de decembro a Escola Politécnica Superior acolleu a presentación das fichas técnicas de prevención do sector agrario galego, elaboradas por un grupo de docentes deste centro do Campus de Lugo. Trátase de dúas coleccións de fichas que resumen os principais aspectos en materia de prevención de riscos laborais no sector agrario e que abarcan as áreas gandeira, agrícola e forestal. Unha delas está orientada á maquinaria e outra ás tarefas agrarias. A primeira recolle máis de 80 máquinas e asegunda arredor de 50 tarefas representativas do sector agrario galego. O obxectivo deste material divulgativo é o de estar á disposición de calquera profesional que desexe recorrer a el. Pretende ser de utilidade tanto para agricultores á hora de desenvolver o seu traballo como para técnicos á hora de impartir cursos relacionados con calquera destas ramas agrarias. Nestas fichas, elaboradas cunha vocación práctica, segundo explican dende o equipo de docentes, realízase unha identificación de riscos ao tempo que se propoñen medidas. Componse, en definitiva, un material de axuda cun deseño baseado na utilidade que cumpre ao tempo un labor formativo, informativo e de concienciación en material de prevención na actividade agraria. No deseño das fichas desenvolvéronse, ademais, unha serie de bloques temáticos en función da codificación, imaxe, características técnicas ou descrición da tarefa en cada caso, descrición do funcionamento ou procedemento axeitado, riscos, medidas preventivas e medidas de protección colectiva e individual. Segundo salientan dende o equipo de autores da EPS aínda é preciso establecer pautas e rutinas de traballo igual que se fai noutros sectores e que a miúdo están ausentes no agro galego. A finalidade última destas fichas é inculcar unha conciencia de prevención e combater a sinistralidade. Estas fichas supoñen a primeira colección completa destas características centrada nas habituais tarefas e maquinarias empregadas vinculadas á actividade habitual no agro galego e editadas dende un punto de vista práctico, segundo definen os investigadores da USC. Actualmente están publicadas xa nun CD de libre distribución e en próximas datas estará dispoñibles para a súa consulta e descarga na páxina web do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral. O grupo de docentes autores deste material, composto por Martín Barrasa Rioja, Santiago Lamosa Quinteiro, Jesús Maciñeiras Abelleira, Antonio Lozano Ben e Enrique Carcelén Fernández, manifestou a necesidade de seguir investigando neste ámbito e realizar tarefas de divulgación.