Skip to main content

A USC presenta un volume arredor da actualidade das investigacións sobre as mulleres e o xénero

Trátase da primeira publicación editada polo Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero da USC
Trátase da primeira publicación editada polo Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero da USC
Trátase da primeira publicación editada polo Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero da USC

Cuestións actuais das investigacións realizadas arredor das mulleres e da perspectiva do xénero quedan recollidas no libro Investigaciones actuales de las mujeres y del género, unha obra que se presentou este mércores 15 na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca. Xunto ao reitor Juan Casares, que presidiu o acto, interviñeron ademais a coordinadora da publicación e directora do Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero da USC (CIFEX), Rita Radl; a secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Marta González; e o director do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, Juan Blanco Valdés. Trátase da primeira publicación que edita o CIFEX, dende a súa creación en 2006, vertendo nas súas páxinas parte do traballo que este centro realiza no eido da investigación e da divulgación arredor dos estudos de xénero. Neste senso, a profesora Radl considera que a edición deste novo volume contribúe de maneira decidida á incorporación desta área de traballo ao contexto científico xeral. Apelou a responsable do CIFEX á necesidade de seguir traballando a prol da difusión e maior visibilidade científica e social destes estudos, “altamente especializados e de carácter multidisciplinar”, para completar o proceso de plena integración no corpo xeral de coñecemento en todas as parcelas Trátase dunha aspiración que Marta González xustifica por “ter alcanzado lexitimidade académica”, eido no que a USC “é un referente” en virtude do traballo realizado no eido docente e agora investigador dende hai décadas. A secretaría xeral de Igualdade dixo ser consciente da necesidade de “reforzar estes estudos nas universidades” pola súa dimensión como institucións educadoras e transmisoras de valores, polo que o seu departamento continuará apoian ás universidades neste eido. A visibilización do compromiso das universidades coa sociedade non se manifesta unicamente na formación de profesionais competentes ou o desenvolvemento da investigación, senón tamén a través de “servizos de intanxibles”, dixo o reitor Juan Casares para quen o libro presentado pon de relevo o interese da universidade por atender as problemáticas da sociedade actual. Apelou o reitor compostelán ao compromiso dos universitarios por seguir traballando na liña xa iniciada porque “non é un traballo acabado. Completando o abano de intervencións, para Juan Blanco a edición deste volume pon de relevo o papel das institucións universitarias como “axitadoras de conciencias” máis en temas de candente actualidade como o maltrato ou as desigualdades por razóns de xénero. O responsable do Servizo de Publicacións subliñou o dobre cometido cumprido por iniciativas como o libro hoxe publicado ao salientar a súa función a prol da ”estimulación da concienciación social” e da transferencia de coñecemento que a universidade ten encomendada. O libro A obra inclúe achegas científicas de autoría diversa, tanto do ámbito nacional como internacional, que se foron xestando ao longo da primeira fase da existencia do Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e Estudos de Xénero da USC, centro único en Galicia. O libro organízase en catro partes consagradas a cuestións actuais das investigacións sobre as mulleres e o xénero. No primeiro apartado se abordan temas de teoría e epistemoloxía, partindo de posturas que insisten na necesidade dunha renovación das ciencias humanas e sociais con argumentos que subliñan unha incorporación sistemática das achegas das investigacións sobre mulleres e xénero á bagaxe teórica e conceptual das disciplinas científicas modernas avogando por unha renovación substancial das ciencias sociais. No segundo bloque toma protagonismo o complexo temático da participación laboral e género, acoutando a temática desde ángulos científicos innovadores e multiculturais. Xa na terceira parte, sobre violencia e xénero, ofrece interesantes achegas dende unha perspectiva interculturalmente diferencial. Para rematar, o libro reúne textos referentes a procesos de socialización diversos e xénero, incide na importancia básica das condiciones de socialización en aras dunha transformación das estruturas sociais. CIFEX

O CIFEX, enmarcado no contexto de centros propios da USC, ten como misión principal a investigación interdisciplinaria, docencia, formación e asesoramento en cuestións referidas ás relacións e roles sociais das mulleres e homes no contexto da comunidade galega. Como centro multidisciplinar, os grupos de investigación promotores deste centro procedían das áreas de Socioloxía, Filosofía Política, Ciencias da Educación, Didáctica da Lingua, Economía, Historia, Lingua e Xeografía, estando aberto á inclusión doutras áreas de coñecemento.

The contents of this page were updated on 12.15.2010.