Skip to main content

A USC, notable punto de encontro do Foro Mundial de Educación

Un Foro Mundial de Educación, Investigación e Cultura de Paz, tres congresos académicos, xuntanzas de alto nivel de Nacións Unidas e actividades artísticas e culturais. Todo entre o 3 e o 30 de decembro deste ano baixo o paraugas do Foro 2010, unha iniciativa promovida orixinalmente polo Seminario Galego de Educación para a Paz e pola Fundación Cultura de Paz e que conta, desde o seu inicio, co apoio de distintas organizacións e institucións, entre elas a Universidade de Santiago que servirá de acubillo á maior parte dos encontros. O propio reitor da USC Juan Casares Long participará na inauguración do Foro que terá lugar este venres 3, ás 12:00 horas, no Paraninfo da Universidade, na Facultade de Xeografía e Historia, así como na Reunión de Membros do Grupo de Alto Nivel de Nacións Unidas para a Alianza de Civilizacións e do Decenio da Cultura da Paz e a Non Violencia para todos os nenos e nenas do mundo que se desenvolverá o sábado 4 na Fundación Araguaney coa presenza, entre outros, de Federico Mayor Zaragoza e de Baltasar Garzón. A ambos actos está prevista a asistencia de múltiples personalidades. Tamén no marco deste foro global se desenvolverá o Congreso Internacional sobre Memoria da Guerra, Reconciliación e Cultura de Paz, organizado polo grupo de investigación ’Nomes, voces’ do 13 ao 15 de decembro de 2010 na USC. Outras citas sinaladas serían o Congreso Internacional sobre Información e Dereitos Humanos do 7 ao 8 de decembro; o Congreso Internacional sobre o Dereito Humano á Paz, do 9 ao 10; ou o Foro Mundial de Educación Temático sobre ‘Educación, Investigación e Cultura de Paz’, do 10 ao 13.

The contents of this page were updated on 12.02.2010.