Preséntase en San Xerome o libro 'Todo Valle-Inclán en Roma (1933-1936): edición, anotación, índices y facsímiles'
Sete autoras do Grupo de Investigación Valle-Inclán da USC dirixido pola profesora Santos Zas recuperan no libro Todo Valle-Inclán en Roma (1933-1936): edición, anotación, índices y facsímiles arredor de 300 documentos procedentes do arquivo do Ministerio de Asuntos Exteriores e da Academia de Bellas Artes de Roma, todos eles relacionados cos tres anos que o escritor dirixiu aquel Centro. A presentación da publicación terá lugar este martes, 5 de outubro, ás 11:30 horas no Salón Reitoral de San Xerome nun acto no que participan o vicerreitor de Cultura, Javier Garbayo; a profesora Margarita Santos Zas; e o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, José Juan Durán. Asisten tamén o resto das autoras e o director do Servizo de Publicacións da USC, Juan Blanco. Os 300 documentos son testemuño, a miúdo de puño e letra de Valle-Inclán, do itinerario dos seus últimos anos: desde a súa polémica elección como director ata os varios intentos de cesalo por parte do Ministerio; desde a súa vida cotiá en Roma cos seus fillos ata a evolución da súa quebrantada saúde; desde o seu inicial entusiasmo ata o desencanto final… Galardoado este traballo co Premio de Investigación Valle-Inclán en 2008, o libro, un volume dobre cuxo segundo número se presenta en soporte electrónico, está co editado polo Servizo de Publicacións da USC (Biblioteca da Cátedra Valle-Inclán) e a Deputación de Pontevedra.